Arredor de 600 estudantes participaron este mércores na xornada de benvida do novo curso no Campus de Ourense

O campus de Ourense da Universidade de Vigo celebrou este mércores unha xornada de benvida para o alumnado de novo ingreso, previa ao inicio oficial do curso académico 2025/2026 o luns 8 de setembro. Ao longo da mañá, unhas 600 estudantes participaron en actividades informativas e lúdicas para coñecer os servizos e instalacións do campus.
Durante a xornada, o alumnado puido obter información sobre transporte, aloxamento, bolsas, voluntariado, programas de mobilidade, bibliotecas, extensión universitaria, benestar e deporte, así como sobre delegacións e asociacións estudantís.
A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, destacou o “éxito de acollida destas xornadas de benvida, que soen ter unha porcentaxe de participación dun 90% dos estudantes convocados”.
O vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, subliñou que arranca “un curso con moitas expectativas” e lembrou que aínda hai prazas libres en graos como Turismo, Enxeñaría Agraria, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Ambientais. Entre as novidades académicas deste curso destacan os programas conxuntos de dobres graos en Enxeñaría Agraria-Ciencias Ambientais, Enxeñaría Agraria-Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñaría Informática-Intelixencia Artificial.