Arrinca a terceira edición do programa para reducir a pegada de carbono nas empresas ourensás

A provincia de Ourense volve apostar pola sustentabilidade empresarial coa posta en marcha da terceira edición do programa impulsado pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Xunta de Galicia para medir e reducir a pegada de carbono no tecido produtivo.
A iniciativa, que se desenvolve a través da Oficina Conecta Ourense co apoio do Igape, arrincou este 24 de marzo cunha primeira sesión informativa en formato en liña. O obxectivo principal é acompañar ás empresas nun proceso práctico que lles permita coñecer, xestionar e diminuír as súas emisións, adaptándose ás esixencias normativas actuais e futuras en materia ambiental.
O programa está deseñado como un itinerario acelerado, orientado a obter resultados aplicables a calquera tipo de actividade. Nel participan empresas de diferentes comarcas da provincia e sectores moi diversos, como o vitivinícola, industrial, construción, automoción ou recursos naturais.
Durante as sesións, as compañías adquirirán ferramentas para calcular a súa pegada de carbono seguindo metodoloxías recoñecidas, identificar as principais fontes de emisión —tanto directas como indirectas polo consumo enerxético— e establecer un punto de partida a partir do que definir estratexias de redución. Ademais, traballarán na elaboración de plans con medidas concretas, obxectivos cuantificables e accións de compensación, así como na preparación de informes e no proceso de rexistro e verificación das emisións.
O programa inclúe formación en liña combinada con sesións de seguimento individualizado, e culminará o 19 de maio cun encontro final no que se presentarán as accións desenvolvidas e os resultados acadados polas empresas participantes. As sesións formativas celebraranse os días 14 e 21 de abril e o 5 e 19 de maio.
Nas edicións anteriores, esta iniciativa xa permitiu ás empresas participantes deseñar plans concretos de redución da súa pegada de carbono nun prazo determinado, avanzando así cara a modelos máis sostibles e mellorando a súa competitividade. Entre os obxectivos tamén figura a obtención de selos acreditativos e o cumprimento dos estándares europeos en materia de sustentabilidade.
A xornada inaugural contou coa participación de Marta Sánchez, directora da consultora PFS Grupo, quen será a encargada de guiar ás empresas ao longo do proceso. Na súa intervención abordou o contexto actual do cambio climático, o marco regulatorio e os conceptos clave para entender e calcular a pegada de carbono, así como os riscos e oportunidades que este escenario supón para as organizacións.
Pola súa banda, o director da Área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, destacou os bos resultados das edicións anteriores e puxo en valor o papel de programas como Conecta Ourense na transformación do tecido empresarial cara a modelos máis innovadores e sostibles.