Arturo Lezcano presentará no Ateneo de Ourense o seu novo libro ‘O país invisible. A epopea atlántica da diáspora’

OurenseXa
O libro é o resultado de vinte anos de conversas, viaxes, entrevistas e investigación dedicados a reconstruír a vida dos galegos na diáspora americana
arturo-lezcano-o-pais-invisible
5 Mar 2026

O Ateneo de Ourense acollerá o vindeiro martes 10 de marzo de 2026, ás 19:00 horas, a presentación do libro ‘O país invisible. A epopea atlántica da diáspora’ galega, do xornalista ferrolán con raíces ourensás Arturo Lezcano.

O acto terá lugar no segundo andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel, sede provisional do Ateneo de Ourense, e contará coa participación de Xosé Rodríguez Díaz, quen será o encargado de presentar a obra.

O libro é o resultado de vinte anos de conversas, viaxes, entrevistas e investigación dedicados a reconstruír a vida dos galegos na diáspora americana. A través de máis de duascentas historias persoais, a obra aborda a emigración galega ao longo do século XX e reflicte experiencias de desarraigamento, supervivencia, éxito e fracaso, así como as dificultades de integración, o rexeitamento polo idioma ou a solidariedade entre compatriotas.

Países e cidades como Argentina, Montevideo, Bahía, Nova York, México, Río de Janeiro ou Venezuela convertéronse en destino de milleiros de galegos, configurando o que o autor define como un “país invisible” na outra beira do Atlántico. Nese contexto histórico sitúanse episodios simbólicos como a primeira interpretación do himno galego fóra de Galicia, a escrita de A Esmorga, a composición de A Rianxeira ou o multitudinario enterro de Castelao, ademais de figuras como Alfonso Graña ou Arturo Soto.

0.1209728717804