As aulas de teatro da UVigo terán un protagonismo especial na MITEU 2025

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU 2025) regresa un ano máis e o fai cunha edición moi especial xa que este ano cúmprense 30 anos do inicio deste ciclo cultural, un dos máis importantes da cidade. O lema escollido para esta edición é “30 anos de Miteu …desculpen as molestias!”, e contará con 19 espectáculos de teatro de sala e de rúa, de música e de danza, complementada con coloquios, encontros, un obradoiro e unha exposición.
Máis de 200 participantes e 13 grupos universitarios, así como seis compañías de teatro profesional procedentes de países como México, Portugal, Dinamarca, Guinea Ecuatorial e Gambia, ademais de España, protagonizarán esta edición, onde os temas sociais terán un gran peso.
Como é costume, as diferentes aulas escénicas dos tres campus da Universidade de Vigo, e de xeito especial o campus de Ourense, terán un papel destacado nesta Miteu 2025.
O xoves 24, ás 19.00 horas, na Praza de San Martiño, terá lugar o espectáculo Visión panorámica, no que participarán diferentes grupos dos campus de Ourense, concretamente o seu coro, a súa aula de danza, o seu grupo de música tradicional galega e a aula de teatro Rosaura. Xa o venres 25, a Aula Universitaria de Ourense Cordelia representará no Teatro Principal, ás 20.00 horas, a súa obra Shock.
O xoves 8, ás 20.00 horas, o Teatro Principal acollerá as 14ª Xornadas de Danza, nas que estarán compañías da Universidade de Santiago de Compostela (Lugo), Universidade da Coruña (A Coruña), Universidade de Vigo (Ourense) e A Casa Vella. O sábado día 10 será, ás 20.00 horas no Teatro Principal, a clausura da mostra coa entrega de premios e coa estrea da última produción da Aula Universitaria de Ourense Maricastaña. Trátase da obra Ludovico 2.5. Por último, da Universidade de Vigo tamén actuará o martes 29, ás 20.00 horas, a Aula de Teatro de Pontevedra, que representará no Teatro Principal Saxo tenor, e o mércores 30, ás 21.30 horas no Liceo, a Aula de Teatro de Vigo, que traerá ao público o seu espectáculo Divinas palabras.
O campus de Ourense acollerá ademais o luns 28, ás 20.30 horas, a obra Unha Eva e un Adán, de GrahØjdans (Dinamarca), que terá lugar na antiga capela e será un dos pratos fortes desta edición, xunto con Teatro del Barrio. Ademais, nas instalacións universitaria celebrarase os 3 e 4 de maio o obradoiro da Miteu Creación do Corpo Reflexivo, impartido por Russo Nmandong, de Guinea Ecuatorial.