“As bandas de música teñen un valor cultural demasiado grande como para perdelas”

Por Raquel Pérez
A Banda de Música Cultural de Barbadás naceu aproximadamente fai 30 anos, comezando como unha formación pequena, composta principalmente por alumnos e profesores novos da Escola de Música do concello. Aquel grupo inicial, aínda modesto, sentou as bases do que hoxe é unha agrupación consolidada no municipio.
“Ao principio era bastante pequeniña, os músicos eran entre alumnos e profesores, que daquela tiñan uns 18 anos”, explica Alejandro López Fernández, actual presidente da banda. El leva 13 anos na banda e empezou na música aos 7. Actualmente, fórmase Grao Superior de Trompeta no Conservatorio de Vigo. “Cando empecei era un rapaciño, non iña claro ao que me quería dedicar”, explica. Porén, logo de un tempo, a súa participación na banda fíxolle atopar o seu camiño. “Para min foi como un refuxio onde aprender e pasalo ben”.
O presidente, que leva 13 anos na banda e empezou na música aos 7, recoñece que foi importante para decidirse a estudar o Grao Superior de Trompeta no Conservatorio de Vigo. “A banda foi un sitio onde pasalo ben e aprender cousas”, di. “Isto é unha profesión que enche a alma, creo que sen música non se podería vivir”.
Como todas as agrupacións deste tipo, a banda pasou por mellores e peores momentos ao longo da súa historia. “Houbo momentos difíciles, como entre 2008 e 2010, cando a actividade estivo case parada”, explica López. Foi entón cando tomou a dirección Xoán Carlos López Vázquez, profesor de trompeta da Escola de Música de Barbadás. Logo, desde aproximadamente 2012, Celso Nieto Rodríguez tomou os maandos da dirección. Con el, a banda recuperou actividade e comezou a incorporar novos músicos, maioritariamente estudantes da Escola de Música. “Naquel momento eramos uns 25 músicos”, lembra o presidente.
Ao longo dos anos fixeron concertos por toda a provincia de Ourense, e mesmo algún fóra, como en Bilbao en 2013, nun intercambio. “Tamén fomos á Coruña, pero sobre todo tocamos por Ourense. Agora mesmo, a banda está formada por unhas 35 persoas.
O momento de maior actividade foi, explica o presidente antes da pandemia. “Na escola saía moita xente e había moitas ganas”. Pero tras a COVID, notouse un descenso: “A xente está máis desligada, non se apunta tanto e moitos deixan despois dun tempo”. Desde a banda intentan manter o proxecto creando un espazo agradable: “Queremos que sexa unha familia, non só unha actividade máis”.
A asociación que hoxe xestiona a banda (Asociación Cultural Ritmos Musicais de Barbadás) foi creada por pais e, máis tarde, asumida por membros maiores de idade da propia agrupación. “Levamos uns 4 anos como directiva. Antes dependiamos máis directamente da Escola de Música”.
Sobre o apoio institucional, considera que é clave e explica que “case todas as actividades dependen de subvencións, sobre todo municipais”. No caso de Barbadás, o Concello actualmente colabora e dá facilidades, pero admite que non en todos os lugares é así: “Hai moitos concellos que non teñen Banda de Música porque non porque non hai apoio. En Ourense, por exemplo, non hai banda municipal porque non se lle deu prioridade”.
En canto ao papel das bandas na cultura, teno claro. “As bandas de música fan unha labor social. Fanse concertos didácticos, festas nas parroquias”, explica, recalcando que “as bandas de música teñen un valor cultural demasiado grande como para perdelas”.
Por iso, insiste na importancia de concienciar ás familias sobre a importancia de que os nenos e nenas formen parte deste tipo de agrupacións. “Ensinan aos rapaces moitas cousas. Exercen unha labor didáctica moi importante e tamén social. Nós intentamos sempre todos os días tirar polos rapaces, pero ás veces que os pais non consideran a música tan importante como outras cousas como, por exemplo, ir a xogar ao fútbol ou facer algún deporte antes que ir á banda”. Recoñece que, para desenvolverse na música, requírese tempo e esforzo, e anima ás familias a concieciar aos seus fillos sobre o importante que é a música para o seu desenvolvemento persoal. “É moi gratificante”, di Alejandro López dende a súa experiencia.
De cara aos próximos meses, a banda ten previstas actuacións en festas locais como as de Piñor e Barbadás, e tamén en eventos como o certame literario en homenaxe a Carmen Martín Gaite ou o San Xoán en Seixalbo.