As charlas do Plan de Convivencia Escolar incorporarán as testemuñas de vítimas de violencia de xénero
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, avanza que a Delegación do Goberno promoverá a participación de mulleres vítimas de abusos e de violencia de xénero nas charlas de sensibilización á comunidade educativa de Galicia dentro do Plan Director para a Convivencia Escolar.
Pedro Blanco presidiu onte na Subdelegación do Goberno en Ourense a reunión de seguimento provincial do Plan que o Ministerio do Interior desenvolve desde hai máis dunha década para mellorar a seguridade nos centros educativos.
Nesta provincia, as charlas de sensibilización sobre violencia de xénero inclúen en determinados casos a testemuña de mulleres que foron vítimas de abusos e de violencia machista. Esta aposta foi impulsada pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno. O delegado subliñou que “a experiencia amosou que a participación das vítimas tiña un gran impacto sobre o alumnado e é a nosa intención a de levar esta iniciativa de Ourense ao resto de Galicia”.
Xunto con esta novidade, o delegado tamén anunciou que a Delegación do Goberno intensificará a colaboración dos concellos no desenvolvemento deste plan. Neste caso, a colaboración materializarase coa incorporación das policías locais dos concellos que o desexen ao desenvolvemento das actividades de sensibilización e de vixilancia nas contornas escolares. “Trátase de traballar conxuntamente pola seguridade dos colexios e institutos polo que a participación das policías locais será moi positiva”, subliñou Pedro Blanco.
A reunión de seguimento contou coa participación do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; o xefe de Área de Educación da Delegación do Goberno, Lois Carballido; e responsables das unidades especializadas de Policía Nacional e de Garda Civil que se encargan de coordinar as actividades de formación e de vixilancia nesta provincia. Tamén participou a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias.
Balance do Plan Director
Pedro Blanco destacou que en 2023, sete de cada dez centros educativos de Galicia solicitaron charlas de sensibilización dentro do Plan Director. En Ourense esta porcentaxe ascendeu ata o 83%, con 158 centros participantes.
Durante o ano, os equipos especializados de Policía Nacional e Garda Civil desenvolveron cerca de 4.200 actividades de formación e prevención das que 624 foron na provincia de Ourense. Nelas participaron máis de 123.000 membros da comunidade educativa de Galicia, dos que 112.800 foron alumnos e alumnas, ademais do profesorado, equipos directivos, pais, nais e titores. A participación en Ourense superou as 20.000 personas, das que 18.000 foron menores.
En canto ás temáticas, o delegado sinalou que as máis solicitadas foron, en primeiro lugar, a ciberseguridade, especialmente a protección de nenos e nenas nas redes sociais, seguidas das charlas que abordaron o acoso escolar. As adiccións (que abranguen as substancias ilícitas, o xogo ou a tecnoloxía) e a violencia sobre a muller ocupan, respectivamente, a terceira e cuarta posición entre as máis solicitadas.