As Confederacións Empresariais Provinciais defenden as liñas estratéxicas en materia de enerxía da Xunta

LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A CEC, a CEL, a CEO e a CEP valoran as medidas e obxectivos marcados, que permitirían ao tecido empresarial da comunidade abastecerse de enerxía a un prezo estable e competitivo
Confederación-Empresarios-Lugo-con-Xunta
13 Nov 2024

As Confederacións empresariais provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, defenden as liñas estratéxicas anunciadas pola Xunta en materia de enerxía, que poden ser “moi positivas para as empresas galegas”.

A CEC, a CEL, a CEO e a CEP valoran as medidas e obxectivos marcados, que permitirían ao tecido empresarial da comunidade abastecerse de enerxía a un prezo estable e competitivo, e á vez encamiñados a que parte dos beneficios da explotación dos recursos enerxéticos reverta no territorio e beneficie o seu desenvolvemento, coa sustentabilidade como eixo transversal.

As patronais lembran que os altos custos enerxéticos que soporta o tecido industrial supoñen un obstáculo á competitividade fronte a outros países e arriscan o futuro de moitos sectores, e por tanto é clave que Galicia, unha potencia en enerxías renovables, poida facer destes recursos unha ferramenta clave para impulsar a súa competitividade e a súa estratexia industrial.

“O abaratamento do prezo da electricidade e que por unha vez os galegos podamos sacar partido da enerxía que producimos é, cando menos, unha boa noticia”, sinalan nun documento conxunto.

A postura das Confederacións non supón unha posición contraria ás empresas do sector enerxético: “Estas compañías deixaron aquí, en Galicia, parte dos seus beneficios en forma de emprego e de investimentos durante moito tempo, iso é indubidable. Como tamén é indubidable que queremos que sigan facéndoo”.

Si matizan que, “desde o punto de vista das confederacións provinciais galegas, entendemos, como é lóxico, que as empresas están para xerar ingresos, pero tamén pensamos que unha pequena parte deles pode reverter no territorio e beneficiar tamén aos propietarios dos recursos que, neste caso, non son outros que os galegos. Cónstanos que outras Comunidades Autónomas xa gozan de vantaxes similares para as súas empresas e Galicia non pode ser menos”, engaden.

Neste sentido, afirman sentirse “sorprendidos” pola noticia de que a patronal enerxética nacional sente “desatendida pola administración autonómica galega”. Por tanto, as confederacións provinciais reiteran o seu “apoio a calquera tipo de medida que supoña que as empresas galegas, todas: pequenas, medianas e grandes, sexan por fin atendidas á hora de lexislar, dotándoas dun soporte que supoña a garantía de que no futuro serán beneficiarias dos propios recursos da nosa terra”.

0.15837097167969