As consultas de dermatoloxía do CHUO trasládanse ao edificio Santa María Nai a partir deste luns

OurenseXa
Ata agora, as consultas realizábanse na rúa Concello
dermatoloxia-chuo
19 Jan 2026

O servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Ourense (CHUO) comezará a atender nunha nova área situada na planta soto do edificio Santa María Nai, xunto ás consultas de Traumatoloxía, a partir deste luns.

O novo espazo ten unha superficie de 570 metros cadrados e dispón de seis consultas médicas, unha consulta de enfermaría, sala de curas e salas específicas para fototerapia e terapia fotodinámica. Tamén inclúe unha zona de almacén.

Ademais, renovouse a sala de espera de Traumatoloxía, que agora é máis ampla, con accesos desde dous corredores laterais, dúas pantallas para xestionar as citas e aseos adaptados. Esta zona de espera dará servizo aos pacientes de ambos servizos, Dermatoloxía e Traumatoloxía.

O servizo de Dermatoloxía, que conta con seis médicos especialistas, dous residentes e seis enfermeiros, ofrece diagnóstico e tratamento para enfermidades da pel, do pelo e das uñas, incluíndo lesións tumorais, inflamatorias, infecciosas e autoinmunes. En 2025, atendeu máis de 22.000 consultas externas, preto de 400 cirurxías, máis de 1.100 procedementos de cirurxía maior ambulatoria e arredor de 1.600 sesións de fototerapia.

A incorporación das salas de fototerapia e terapia fotodinámica permitirá aplicar técnicas avanzadas con gran eficacia, mellorando a calidade de vida dos pacientes.

Este traslado desde o Centro de Especialidades da rúa Concello tamén liberará espazo para preparar unha nova zona de consultas que acollerá provisionalmente a actividade do Centro de Saúde Nóvoa Santos, co obxectivo de mellorar a funcionalidade tanto para usuarios como para profesionais.

⚙ Configurar cookies
0.081765174865723