As Festas da Valenzá contarán cun Punto Violeta na rúa 17 de maio

OurenseXa
As celebracións comezan esta noite nunha nova localización
festas-a-valeza
Festas da Valenzá
6 Jun 2025

A Valenzá celebra dende hoxe, venres 6 de xuño, e ata o mércores 11 de xuño, as súas tradicionais festas na honra de San Bernabé, cun completo programa de actividades. Os encargados de abrir as celebracións serán os alumnos e alumnas da escola de baile, seguidos da actuación da orquestra New York e a disco móbil Apocalipsis.

Este ano, o Concello de Barbadás, e por recomendación de Protección Civil, tomou a decisión de cambiar a localización dos concertos desta noite para garantir a seguridade do público asistente.

Ademais, o Concello vén de informar que terá instalado durante este venres e sábado un Punto Violeta na rúa 17 de maio, que ofrecerá atención e apoio fronte a posibles casos de violencia de xénero ou agresións LGTBIfóbicas. O obxectivo, explican dende o goberno municipal, é conseguir “unhas festas libres de agresións sexistas”.

A programación continuará o sábado 7 de xuño coas Colexiadas, na Solaina, seguidas dun pasarrúas a cargo da Charanga Trives. Pola noite, actuarán o grupo Origen e a disco móbil Apocalipsis.

O domingo pola mañá haberá unha misa solemne e procesión, e a actuación dun trío musical. Por último, o mércores 11 de xuño, volverá haber misa e, neste caso, será un dúo musical o encargado de pechar as festas.

0.16635894775391