As III Xornadas para Familias continúan esta semana en Allariz con obradoiros e actividades para todas as idades

OurenseXa
O mércores e o sábado haberá obradoiros para menores de 6 anos e o domingo terá lugar unha xincana destinada a toda a familia
canticontos-getse-valenzuela-allariz
Canticontos con Getse Valenzuela en Allariz
5 May 2025

A Área de Benestar Social do Concello de Allariz, a través do Departamento de Familia, está a organizar un ano máis as Xornadas para Familias baixo o lema “CON-VIVENCIA(S): Acompañando na crianza”.

Este ciclo de actividades, que cumpre a súa terceira edición, comezou o pasado 25 de abril e estenderase ata o 15 de maio, co obxectivo de promover espazos de encontro, reflexión, aprendizaxe e desfrute compartido arredor da crianza, o coidado emocional e a corresponsabilidade no fogar.

Dentro do programa, este mércores ,7 de maio, ás 17.15 horas, haberá un obradoiro vivencial titulado “Toco, exploro, sinto”, dirixido a crianzas de 6 meses a 6 anos e ás súas familias. Impartido por Ana e Eva, mestras de educación infantil e responsables do proxecto @asi_aprendo_yo. Este encontro centrarase nas bases sensoriais da primeira infancia e terá lugar tamén no Fogar dos Maiores, sendo necesaria inscrición previa.

O sábado 10 de maio, de 11.00 a 13.00 horas, será a quenda de “Contos, música e danza”, un obradoiro lúdico e creativo para familias con crianzas de 2 a 6 anos, guiado por Getse Valenzuela, mestra especialista en música.

Ao día seguinte, domingo 11 de maio, terá lugar unha proposta ao aire libre: a “Orientaventura da Corresponsabilidade en Familia”, unha xincana organizada polo equipo de Territorio Comanche, con saída ás 11.00 horas desde o Xardín do Fogar dos Maiores. As participantes deberán superar retos colaborativos nun percorrido por diferentes puntos da vila, e será necesaria inscrición previa.

Todas as actividades son gratuítas e as inscricións poden formalizarse nas dependencias do Fogar dos Maiores ou chamando aos teléfonos 988 554 059 ou 683 614 691.

Con estas III Xornadas para Familias, o Concello de Allariz reafirma o seu compromiso coa promoción dunha crianza consciente, a educación emocional e a creación de espazos públicos que favorezan o benestar compartido entre pequenas e maiores.

⚙ Configurar cookies
0.17370295524597