As librarías de Ourense sairán á rúa para celebrar o Día do Libro

OurenseXa
Un total de 10 librarías instalarán as súas carpas este mércores na rúa do Paseo
dia-do-libro-ourense
21 Apr 2025

Este mércores, 23 de abril, celébrase o Día do Libro e, como en anos anteriores, as librarías ourensás conmemorarán esta data sacando á rúa as novidades literarias e os clásicos de sempre. Esta cita regresa á rúa do Paseo, onde se situarán un total de 10 librarías baixo unha carpa no tramo máis próximo ao Parque de San Lázaro.

Tanto neste espazo como nas librarías de toda a provincia haberá un desconto do 10% para os e as lectoras, acompañado dun caravel, como manda a tradición.

Ademais desta celebración da lectura e do libro, a Agrupación quixo levar esta data sinalada a todas as persoas ingresadas nalgún centro hospitalario da provincia; que recibirán este día uns marcapáxinas imantados, ademais de libros para os nenos e nenas hospitalizados.

Estes marcapáxinas tamén se distribuirán desde as librarías da provincia integradas nesta asociación. Desde eles poderase acceder, mediante un código QR, ás recomendacións de lectura de cada unha das librarías pertencentes á Agrupación Provincial de Librarías de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.1743278503418