Mulleres e nenos de Taboadela, Barbadás e Melón participaron ao longo do mes de marzo en talleres de defensa persoal

Os concellos de Taboadela, Barbadás e Melón desenvolveron ao longo do mes de marzo unha serie de talleres de defensa persoal dirixidos a mulleres e a menores, no marco das actividades vinculadas ao Día Internacional da Muller.
As sesións leváronse a cabo entre o 6 e o 28 de marzo e estiveron organizadas en colaboración co club Tai-Jitsu Ourense e o Ximnasio Estudio A Valenzá, cuxos monitores deseñaron dous programas diferenciados en función do público participante.
No caso das mulleres, os talleres centráronse en aspectos como a autoprotección, a confianza, o autocontrol, a relaxación e a seguridade persoal. Pola súa banda, o programa dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos formulouse como un taller de prevención do acoso escolar, abordando cuestións como o respecto, a autoestima, a comunicación asertiva, a disciplina e o control emocional como ferramentas clave fronte ao bullying.
A iniciativa rexistrou unha alta participación nos tres municipios, tanto nas actividades para adultos como nas dirixidas a menores. Desde a organización destácase especialmente a implicación dos concellos, non só por impulsar talleres de defensa persoal para mulleres, senón tamén por estender estas accións á poboación máis nova co obxectivo de fomentar desde idades temperás o respecto mutuo e a convivencia.