As mulleres músicas centran a campaña “8M, mes a mes” de novembro da Deputación de Ourense

OurenseXa
Co gallo do Día da Música, que se conmemora o 22 de novembro, a insistución provincial personaliza a campaña na figura de María del Mar Blanco Moreno, profesora de órgano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense
mar-blanco
7 Nov 2025

Co gallo da celebración do Día da Música o 22 de novembro, a Área de Igualdade da Deputación de Ourense dedica este mes ás mulleres músicas, representadas na figura de María del Mar Blanco Moreno, profesora de órgano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense. O lema escollido para esta ocasión é “Rompendo con teclas o teito de cristal”, unha mensaxe que simboliza a loita pola igualdade no ámbito musical.

A iniciativa forma parte da campaña “8M, mes a mes”, coa que a Deputación busca manter vivo o espírito do Día Internacional da Muller ao longo de todo o ano, recoñecendo o papel das mulleres en diferentes ámbitos profesionais e culturais.

María del Mar Blanco Moreno, madrileña de nacemento e galega de adopción, é pianista, clavecinista e investigadora musical cunha ampla traxectoria docente e artística. Licenciada en Historia e Ciencias da Música e cun máster en investigación musical, desenvolveu o seu labor en distintos puntos de España, desde Béjar (Salamanca) ata Vigo, onde exerceu como catedrática de clave. Actualmente reside no Pereiro de Aguiar e imparte clases de órgano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, unha institución que “loita por achegar a música clásica á sociedade e por visibilizar o talento feminino no ámbito musical”.

A súa experiencia profesional estivo marcada por situacións que poñen de manifesto a desigualdade de xénero no mundo da música.
Desde a negativa dun sacerdote a deixala tocar un órgano nun santuario de Béjar ata comentarios condescendentes antes de actuacións como solista, María del Mar denuncia “o peso do patriarcado nunha profesión onde as mulleres músicas, historicamente relegadas aos conventos, seguen loitando por ocupar espazos de visibilidade e recoñecemento”. A súa voz, firme e lúcida, “convida á reflexión sobre o camiño que aínda queda por percorrer para acadar unha igualdade real nos conservatorios, nas catedrais e nos escenarios”, sinalan desde a Área de Igualdade.

No seu día a día como profesora, María del Mar Blanco transmite ao seu alumnado valores de respecto, igualdade e superación, ademais de coñecementos técnicos e artísticos. Por iso, dende a institución provincial destacan “a súa labor docente é tamén unha forma de activismo silencioso, contribuíndo a construír un futuro máis xusto e diverso no panorama musical galego e estatal”.

⚙ Configurar cookies
0.082481145858765