As mulleres son as principais prexudicadas polo desemprego en Ourense
Os datos coñecidos hoxe indican que en febreiro o paro rexistrado baixou en Ourense en 25 persoas. Respecto ao ano pasado, a cifra disminúe en 1.191 persoas. Así a todo, neste momento hai 15.362 persoas desempregadas, das cales 8.745 son mulleres e 6.617 son homes, tal e como alertan desde CCOO.
O paro baixa no sector da Agricultura (-17) e da Industria (-49), e increméntase na Construcción (+6), nos Servizos (+13) e no colectivo de ‘sen emprego anterior’ (+22). A evolución do emprego por sectores responde ao patrón dos meses de febreiro.
No mes de febreiro os contratos indefinidos sitúanse no 65,66%, moi lonxe dos porcentaxes de antes da reforma laboral que ata ese momento rondaba o 10%. Tamén na contratación as mulleres saen perxudicadas, dos 1.692 contratos indefiniddos formalizados, 933 son para os homes e 631 para as mulleres.
A todo o anterior, a fenda salarial entre homes e mulleres segue a ser do 18 %, alertan desde o sindicato.
A secretaria xeral de Comisións Obreiras en Ourense, Ana Barrios, denuncia que as mulleres seguen sendo as máis perxudicadas no noso mercado laboral. Por elo, apunta á importancia da mellora das normas laborais. "É necesario incidir na correcta valoración dos postos de traballo, a revisión dos complementos salariais para evitar sesgos de xénero. Construír unha sociedade máis xusta, máis democrática, na que de maneira indistinta, mulleres e homes fáganse cargo dos coidados, e reclamen unha organización do traballo compatible coa vida, máis e mellores servizos públicos para conseguir unha conciliación corresponsable".
A Xunta valora positivamente os datos do paro en Galicia
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, indica que a cifra de desemprego acadada en Galicia en febreiro -130.583- é a máis baixa neste mes desde que hai serie histórica (1996), é dicir, desde hai 28 anos. O paro caeu na evolución anual (-9,38%) e na mensual (-0,40%), superando nas dúas variables os descensos acadados na media do Estado, ao tempo que creceron as afiliacións nas comparativas anual e mensual.
Con respecto a febreiro de 2023, Galicia é a 4ª comunidade autónoma na que máis baixou o paro, en termos absolutos e relativos. En concreto, conta con 13.509 persoas menos en situación de desemprego (-9,38%). A caída reflectida tivo lugar nas catro provincias, nas sete cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a industria (-13,5%), seguida da construción (-12,97%).
Por colectivos prioritarios, Rivo salientou que a cifra de menores de 30 anos e de mulleres é a máis baixa nun febreiro desde que hai rexistros, desde 2006; e o número de parados de longa duración é o menor nun febreiro desde 2009.
En canto ás afiliacións, Galicia gañou no último ano 19.194 cotizacións á Seguridade Social e segue a superar o millón (1.055.018) cun nivel superior ao reflectido hai 15 anos.
Con respecto á comparativa mensual, indicou que o paro descendeu en todos os sectores de actividade e as afiliacións creceron nun +0,43%, a un ritmo de subida semellante a España.