As novas axudas para adquirir o carnet de conducir poderán solicitarse a partir do 24 de xaneiro

OurenseXa
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participa na demostración dunha práctica de conducir na explanada do Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.
Ourense_Luis_Menor_Alfonso_Rueda_Fabiola_Garcia_Axudas_Carnet
23 Jan 2024

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, asistiu esta mañá á demostración dunha práctica de circulación para incentivar á mocidade na obtención do carné de conducir.

Durante o encontro, que tivo lugar na explanada do Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense, o presidente da Xunta puxo en valor a nova convocatoria de axudas para apoiar á mocidade galega que non estea a traballar a sufragar os custos de sacar o carné de conducir de coche, camión e autobús. O obxecto, segundo apuntou, é que isto lle facilite atopar un emprego ou que lle supoña directamente unha saída laboral, ante a “altísima demanda” de condutores profesionais.

Durante unha visita a unhas clases prácticas nunha autoescola de Ourense, na que conversou con alumnado e mestres, Rueda advertiu que ter o carné de conducir é xa un requisito indispensable en moitos traballos e unha maneira de mellorar as oportunidades laborais dos mozos e mozas. “Hoxe en día ter carné de conducir é unha ferramenta fundamental para acceder a un traballo, pero tamén supón un esforzo económico para a xente nova ou ás súas familias”, admitiu o mandatario galego para defender, consecuentemente, a importancia destas axudas por parte do Goberno autonómico.

A cuarta convocatoria destas achegas publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e poderán solicitarse desde mañá e ata o 30 de setembro ou ata esgotarse o crédito.

O presidente galego precisou que estas axudas van dirixidas á mocidade, de entre 18 e 30 anos, que non estean a traballar, que poderán recibir entre 400 e 1300 euros para sufragar parte do custo que supón a consecución destes carnés de conducir.

Nesta cuarta edición, tamén poden solicitar a axuda os mozos que sacasen o carné no 2023 xa que o ano pasado non se convocaron estas achegas. Rueda cualificou de "potente e certeira” esta orde de axudas, á que se destinarán 800.000 €, e que se encadran no obxectivo da Xunta de consolidar Galicia como un dos mellores sitios para vivir e traballar, o que implica promover medidas que vaian nesta liña de facilitar que a mocidade acceda a un posto laboral estable e de calidade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.2161819934845