As obras da senda do Barbaña provocarán cortes de tráfico a partir deste venres

As obras da senda do Barbaña, na zona da avenida de Pardo de Cela, en Ourense, farán necesarias afeccións ao tráfico a partir de mañá.
Dende a Xunta explican que os cortes son precisos para executar os traballos pendentes no cruce da avenida Pardo de Cela, na zona dos Remedios. Tras unha actuación consensuada coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, ademais dos traballos previstos, melloraranse os movementos peonís e para bicicletas nese punto e o paso do Camiño de Santiago.
Os traballos comezarán mañá e desenvolveranse ao longo do mes de xullo. Para isto, haberá tres fases de desvío de tráfico de vehículos, permitindo sempre a circulación peonil.
A primeira fase consistirá na preparación da beirarrúa dereita da avenida Pardo e Cela coa rúa Progreso, ao longo dunha semana con afección a un carril de circulación de entrada da cidade e mantendo os dous carrís de circulación de saída.
A segunda fase consistirá na preparación da beirarrúa esquerda de Pardo de Cela, na antesala da Ponte Vella e diante do colexio Salesianos, cunha duración doutra semana, polo que a circulación de vehículos terá un carril de entrada e outro de saída da cidade.
Na última fase será necesario un corte total da circulación de vehículos nesta intersección cunha duración do que resta de mes, para o que se sinalizarán os percorridos de entrada e saída da cidade.
Durante a execución das obras, habilitaranse itinerarios peonís temporais para facilitar a mobilidade.O obxectivo destas obras é crear nesta contorna unha ampla superficie onde os cruces se poidan facer en múltiples direccións en condicións de seguridade. Para acadar este propósito, coordinaranse os semáforos situados na zona do Pavillón Municipal dos Remedios e do Colexio Salesianos.
Tamén se colocará sinalización podotáctil e se disporán marcado viario e sinalización horizontal no cambio de rasante, zona de cruzamento de peóns e carrís de circulación de tráfico rodado.