As obras de ampliación do polígono industrial de Pereiro de Aguiar comezarán a finais de 2027

OurenseXa
A ampliación, que podería ser unha realidade durante 2028, suporá un incremento do 38 % da superficie do parque empresarial
xunta-poligono-pereiro
19 Mar 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que a ampliación do polígono de O Pereiro de Aguiar suporá un incremento do 38 % da superficie do parque empresarial ata superar os 833.000 m², polo que "estamos nun día importante para Ourense e para este parque no que xa hai instaladas máis de 100 empresas", dixo.

Lorenzana visitou este martes o polígono industrial onde explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a aprobación inicial do instrumento de planificación de O Pereiro de Aguiar "para que as obras de ampliación deste polígono poidan ser unha realidade ao tempo que xa estamos a traballar no proxecto de urbanización", sinalou.

Así, explicou que "tratamos de facer as cousas con axilidade pero sempre con respecto aos trámites administrativos e medioambientais, pero sobre todo intentando acompañar ás empresas e traballar da man dos rexedores municipais e das deputacións para coñecer onde hai necesidade empresarial".

Neste sentido, avanzou que a Xunta comezará as obras de ampliación deste parque empresarial a finais do ano 2027 "para que este polígono sexa unha realidade e para poder empezar a instalarse as empresas a partir de 2028", dixo. Unha actuación que se suma ás que xa se están a desenvolver en San Cibrao das Viñas, Xinzo ou O Carballiño.

Ademais, lembrou que a Xunta continúa traballando para mellorar os polígonos, e neste marco, explicou que O Pereiro de Aguiar recibiu o ano pasado case 70.000 euros da orde de axudas que o Goberno galego convoca para a mellora de infraestruturas de parques empresariais. "En total, no 2024 concedemos case 500.000 euros para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques da provincia de Ourense", apuntou.

Finalmente, a conselleira de Economía e Industria explicou que unha das metas da Xunta nesta lexislatura é "tratar de axilizar o máximo posible o desenvolvemento de solo naqueles concellos e comarcas onde vemos que se pode continuar desenvolvendo economicamente a zona e non existe solo de sobra", dixo. "Cremos que temos que ter un desenvolvemento industrial nesta provincia e un desenvolvemento industrial homoxéneo en toda a Comunidade", insistiu.

⚙ Configurar cookies
0.59091711044312