As obras de humanización da Avenida de Portugal poderían estar rematadas a finais de ano

As obras de humanización da Avenida de Portugal, impulsadas polo Concello de Ourense, avanzan a bo ritmo e mantense a previsión de que estean completamente rematadas antes de que finalice o ano, segundo afirma o Goberno municipal.
O Concello explica que a execución destes traballos afectará a dous aspectos importantes da mobilidade e da actividade da cidade. Por unha banda, a próxima edición da carreira popular de San Martiño, que se celebrará en novembro, terá que modificar o seu percorrido, xa que a avenida estará en obras. “A carreira volverá ter un trazado excepcional, ao igual que o pasado ano, cando non puido transitar pola Avenida das Caldas polas reformas que se estaban a levar a cabo”, sinalan desde o Consistorio.
Por outra banda, a entrada en servizo da nova liña circular do servizo de autobuses urbanos retrasarase ata 2026, cando finalicen as obras da avenida. O resto das novas liñas de transporte urbano activaranse segundo o previsto o 16 de setembro.
O proxecto de humanización da Avenida de Portugal conta cun orzamento total de 5.989.285 euros, financiado en gran parte con fondos propios do Concello (4.577.533 euros) e co apoio dunha subvención europea de 1.411.751 euros procedente do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A intervención, que abrangue 1,2 kilómetros desde Ervedelo ata Marcelo Macías, busca renovar completamente o espazo urbano, mellorar a accesibilidade e a mobilidade, e actualizar os servizos nunha das principais rúas de Ourense, segundo informa o Concello.