As obras de recuperación do Parque Lucinda entran na súa recta final

O Concello de Barbadás iniciou a mediados de outubro as obras de reforma, recuperación e rehabilitación do Parque Lucinda, situado en Fonsillón, cun investimento que rolda os 60.000 euros. O obxectivo desta actuación é recuperar un espazo que ata o de agora tiña un uso residual e convertelo nun lugar de encontro e lecer pensado para persoas de todas as idades.
Dende o Concello informan que a actuación está a piques de rematar e que, moi pronto, a veciñanza poderá gozar deste novo espazo de lecer.
O proxecto, deseñado por un equipo especializado en espazos urbanos e de mobilidade, contempla a intervención sobre unha superficie de 982 metros cadrados distribuídos en tres niveis. O parque constará de tres zonas diferenciadas, unha inferior, destinada a merendeiro, a do medio, na que haberá un parque infantil, e a superior, unha zona destinada ao deporte”.