As obras de San Lorenzo de Piñor, en Barbadás, xa están en marcha

Xa están en marcha as obras para a mellora na rede de sumidoiros de San Lourenzo de Piñor, que teñen un prazo de execución de tres meses.
A empresa adxudicataria traballa na execución deste proxecto do Concello de Barbadás cuxa financiación se realiza a través do Fondo Provincial de Cooperación do pasado ano, cunha inversión de 48.000 euros.
En concreto, a actuación localízase na rúa Travesía de Piñor, entre As Quintas e Roma, na parroquia de San Lourenzo de Piñor e consiste na mellora da rede de saneamento en dita rúa, ampliándoa ata conducila durante preto de 130 metros ata o punto máis alto, onde será conectada a rede de saneamento existente na estrada OU-0519. Inclúe tamén un pozo de bombeo con sistema de impulsión para salvar o desnivel da propia canalización, a construción de seis pozos de rexistro e un pozo de bombeo.
Mantendo a liña de actuación do Concello de Barbadás durante os últimos anos, esta obra enmárcase dentro de plan para dotar aos núcleos do municipio de infraestruturas que melloren a calidade dos seus habitantes ao mesmo tempo que as condicións medioambientais do seu entorno, segundo explica Victoria Morenza, tenente alcalde de Barbadás, e se recolle no mesmo proxecto.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, sostén que este proxecto, “como outros moitos que están en fase de licitación ou redacción”, pretenden facer xustiza aos veciños e veciñas que carecían duns servizos básicos esenciais e sostibles medioambientalmente por mor da desatención de anteriores gobernos