As obras na sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social e Rexistro de Ourense arrancarán a vindeira semana

OurenseXa
A actuación, adxudicada por 241.756 euros, contempla a instalación de cerramentos, o uso de materiais sostibles e a reconfiguración completa da área administrativa
eladio-santos-juan-carlos-blanco
Eladio Santos e Juan Carlos Blanco
10 Jun 2025

As obras na sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social e Rexistro de Ourense arrancarán a vindeira semana, o que provocará un cambio na localización da atención destes servizos.

A actuación, adxudicada por 241.756,6 euros, contempla a instalación de cerramentos de altas prestacións acústicas e térmicas, o uso de materiais sostibles, reciclados e non contaminantes e a reconfiguración completa da área administrativa. Colocarase un novo pavimento, substituiranse as placas do teito, executaranse novas divisións funcionais e procederase á pintura do espazo.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, que visitou recentemente o espazo que será reformado no edificio da Rúa do Concello, 1, celebrou que “estas obras permitirán a modernización dos espazos de traballo e a adaptación da atención ao público ao século XXI”. A actuación súmase outra realizada na primeira planta do inmoble por preto de 40.000 euros para cambiar as ventás e mellorar a eficiencia enerxética.

Respecto ao traslado durante os seis meses que durarán as obras, Eladio Santos agradeceu comprensión dos empregados e empregadas e dos usuarios do Rexistro, que terán que acudir á nova sede desde o próximo luns. Tamén deu as grazas a todas as persoas que traballaron e traballarán neste proxecto para modernizar o traballo da administración.

Así, a atención, a partir do próximo luns, 16 de xuño, será na Rúa Celso Emilio Ferreiro, número 2, baixo.

⚙ Configurar cookies
0.16330099105835