As obras no viaduto da AG-53 sobre a A-52 obrigarán a restricións de tráfico dende o luns 12 de xaneiro

OurenseXa
A primeira fase suporá o corte dun carril en sentido Ourense entre o km 86,5 e a conexión coa A-52 e a OU-402; a segunda prevé un peche total a partir do luns 19 durante 3 a 4 días e repetirase para cada un dos cinco apoios do viaduto
OURENSE viaduto da AG-53
11 Jan 2026

A Xunta executará a partir do luns 12 de xaneiro traballos de mantemento no viaduto da autoestrada Dozón-Ourense (AG-53) que salva a autovía A-52, unhas actuacións que implicarán afeccións ao tráfico durante as vindeiras semanas. As obras inclúen a renovación e mellora dos apoios do taboleiro sobre as pilas, unha intervención que require o izado do taboleiro.

Segundo a planificación trasladada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, os traballos desenvolveranse en dúas fases. Na primeira, instalarase unha estrutura metálica auxiliar para colocar os equipos de izado. Esta etapa, cunha duración estimada de 3 a 5 días laborables, obrigará a cortar un dos dous carrís da calzada da AG-53 en sentido Ourense, entre o punto quilométrico 86,5 e a conexión da AG-53 coa A-52 e a OU-402, mantendo esa restrición durante a execución.

A segunda fase consistirá no izado do taboleiro e na execución das melloras nos apoios sobre os capiteis das pilas. Para ese momento prevese un corte total da calzada, co desvío correspondente, a partir do luns 19 de xaneiro e cunha duración aproximada de 3 a 4 días (nunha fase que, en xeral, se estima entre 2 e 4 días laborables).

Ambas as fases terán que repetirse para cada un dos cinco apoios do viaduto, polo que a Xunta calcula que as obras se prolongarán ao longo da próxima primavera. O dispositivo implica que cada dúas semanas poida producirse un novo corte total de 3 a 4 días, mentres se mantén o corte do carril indicado no tramo final da AG-53 en sentido Ourense.

No caso do peche total, ao considerarse inviable derivar o tráfico pola calzada contraria, a afectación alcanzará o tramo da AG-53 entre o enlace coa AG-54 (km 78,5) e a conexión coa A-52 e a OU-402 (km 87,2). O desvío previsto canalizará os vehículos pola AG-54, a N-541 (a través da saída 1 da AG-54, enlace e variante de Maside) e a N-120, desde onde se poderá acceder á A-52 para continuar cara Ourense ou cara Vigo. A Xunta indica que haberá sinalización específica na AG-53, na AG-54 e no enlace de Maside para orientar os usuarios.

A intervención intégrase, segundo a Consellería, nun programa de inspección e conservación preventiva das vías e obras de paso co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e alongar a vida útil das infraestruturas.

⚙ Configurar cookies
0.083568811416626