As rúas da Merca acollen a exposición 'Mulleres de outros mundos' de Manuel Outumuro
As rúas da Meca acollen a mostra 'Mulleres de outros mundos' do prestixioso fotógrafo Manuel Outumuro, orixinario deste concello ourensán. A exposición amosa quince retratos de actrices nacionais e internacionais entre os que podemos atopar fotografías de artistas como Monica Belucci, Penélope Cruz, Carmen Maura ou Maribel Verdú.
Manuel Outumuro está especializado nos retratos e polo seu obxectivo pasaron centos de emblemas da contemporaneidade -directores, actores, modelos, escritores, deportistas…- para publicacións de referencia nacionais e internacionais.
A vinculación coa súa terra está moi presente na vida de Manuel Outumuro, quen atesoura unha longa lista de premios nacionais e internacional do máximo recoñecemento. A súa traxectoria e o seu prestixio profesional levaron ao xurado do Premio Ourensanía a acordar por unanimidade, a concesión deste galardón na edición de 2022.
Outumuro expón ao mesmo tempo na capital ourensá a mostra 'O anxo que nunca fun', que pode visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel e que está composta por unha serie de fotografías inéditas que, segundo explica o propio autor, son "un relato a través dos recordos da miña infancia e a posterior influencia que estes puideron ter na miña obra posterior".