As rúas de Allariz converteranse nun museo ao aire libre para conmemorar o Ano Castelao

O Concello de Allariz, con motivo da declaración do Ano Castelao 2025, organiza en colaboración con Nós Diario a exposición ‘Castelao: Sempre en Galiza’, unha homenaxe pública e aberta á figura máis emblemática do galeguismo contemporáneo.
A mostra será inaugurada o mércores 23 de xullo, cun acto que terá lugar na lona de Vilanova ás 20:00 horas e estará distribuída por 23 puntos do centro histórico de Allariz, convertendo as rúas da vila nun museo ao aire libre.
A exposición convida a percorrer a vida, pensamento e legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cun formato visual e accesible para todos os públicos. A proposta pretende achegar, de forma divulgativa e reflexiva, o compromiso de Castelao coa lingua, a cultura e a identidade galega.
A mostra está baseada no coleccionable homónimo publicado por Nós Diario, que recolle o labor de destacados autores e autoras do ámbito da historia, a filosofía, a socioloxía, a filoloxía e o xornalismo galegos. Entre os nomes figuran Miguel Anxo Seixas Seoane, Carlos Mella, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Henrique Monteagudo Romero, Emilio Xosé Ínsua López, Xoán Carlos Garrido Couceiro, Manuel Rei Romeu, Miguel Fernández Cid, Xosé Carlos López Bernárdez, María Victoria Carballo-Calero Ramos, Lois Ladra, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Tareixa Navaza González, Francisco Rodríguez Sánchez, Xosé María Pérez Barro, Xosé Ramón Ermida Meilán e María do Pilar García Negro.