As rutas culturais da UVigo dan comezo aos actos polo 50 aniversario do xacemento de Aquis Querquennis

OurenseXa
A inscrición está aberta e a visita, que está dirixida á cidadanía en xeral, terá lugar este sábado, 22 de marzo
Xacemento romano de Aquis Querquennis
Xacemento romano de Aquis Querquennis
18 Mar 2025

Este ano cúmprense 50 anos do descubrimento do xacemento romano de Aquis Querquennis, e as actividades conmemorativas deste aniversario arrancarán este sábado, 22 de marzo, coa celebración dunha das rutas culturais da Universidade de Vigo neste enclave. Coma en cada andaina, a inscrición está aberta tanto á comunidade universitaria como ao público en xeral.

A oitava andaina do programa de rutas culturais da UVigo, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, levará ás persoas participantes a "un dos destinos máis visitados do Parque Natural Serra do Xurés" e "o campamento militar romano máis colosal de todo o noroeste da península ibérica, Aquis Querquennis". O percorrido, que ten unha distancia de 18 quilómetros e unha dificultade media, permitirá aos inscritos tamén coñecer o trazado do Camiño de San Rosendo, a igrexa de Santa Comba de Bande e gozar das fermosas panorámicas do parque natural transfronteirizo.

Grazas á colaboración da Fundación Aquae Querquennae, as persoas participantes poderán coñecer de primeira man "este magnífico monumento, a súa historia e relevancia". Desde a organización lembran que Aquis Querquennis é o nome orixinal dun campamento militar romano establecido hai dous mil anos no lugar para a construción da coñecida como Vía Nova, unha calzada que conectaba Braga con Astorga. O xacemento está declarado Ben de Interese Cultural. Segundo explican desde a organización, será "unha ruta para dar a benvida á primavera, gozando da natureza e o patrimonio a partes iguais".

A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta exclusivamente para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, os martes, mércores e xoves previos a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo varía segundo o colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, pero está aberta á participación de persoas alleas á universidade. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 horas ECTS por día de duración. Hai autobuses dispoñibles para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo. Desde a organización animan á participación a todas as persoas interesadas, subliñando non só a oportunidade de coñecer Galicia e o seu contorno, senón tamén o "bo ambiente" destas rutas, que fai que todas as persoas se sintan moi cómodas.

Tras esta ruta, a penúltima andaina universitaria, que terá lugar o 5 de abril, desenvolverase nas Fragas do Eume, o "bosque atlántico mellor conservado de Europa", e no Mosteiro de Caaveiro. Finalmente, para pechar a programación de rutas culturais do curso 2024/2025, a UVigo propón unha nova etapa do Camiño dos Faros, concretamente a que vai de Arou a Cabo Vilán, en Camariñas, o 26 de abril.

⚙ Configurar cookies
0.10980606079102