As sirenas dos Peares, Velle e San Pedro volverán soar esta semana

OurenseXa
Trátase dunha proba que se realizará o martes e o mércores e a cidadanía non debe realizar ningunha acción especial ao escoitalas
Presa de Velle
Presa de Velle
15 Jun 2025

O martes 17 e o mércores 18 de xuño levaranse a cabo as probas das sirenas dos Plans de Emerxencia das Presas (PEP) de San Pedro, Os Peares e Velle. O seu son será perceptible en distintas zonas da cidade, pero non require ningunha actuación por parte da poboación, que poderá continuar coa súa rutina habitual.

Concretamente, o martes 17 pola mañá realizaranse as probas das presas dos Peares e Velle. As sirenas dos Peares soarán a partir das 9:00 horas e escoitaranse principalmente en Velle e no polígono das Coiñás – O Vinteún. A partir das 17:00 horas terá lugar a proba da presa de Velle, cun maior alcance, xa que se escoitará en distintos puntos da cidade grazas á instalación de sirenas en dez localizacións: Velle, Parque Loña, As Lagoas, Paseo das Ninfas, Avilés de Taramancos, Manuel Murguía, Reza, O Pino, Termas de Outariz e Untes.

O mércores 18 de xuño, pola mañá, realizarase a proba da presa de San Pedro. Neste caso, as sirenas soarán a partir das 10:40 horas e escoitaranse no polígono das Coiñás e na parroquia de Velle.

Estas probas forman parte das accións previstas para a implantación dos Plans de Emerxencia das Presas hidráulicas, organizadas cada ano por Protección Civil da Subdelegación do Goberno en Ourense, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

⚙ Configurar cookies
0.16016888618469