As socialistas de Ourense denuncian a precarización do Servizo de Axuda no Fogar

A voceira do Grupo Municipal Socialista, Natalia González, mantivo un encontro este luns co Comité de Empresa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ourense para coñecer de primeira man a “grave situación” que atravesa o servizo e recoller as demandas das traballadoras.
Durante a xuntanza, o comité denunciou “incumprimentos do convenio laboral, tempo de traballo non contabilizado, problemas co pagamento da quilometraxe, falta de planificación e organización, deficiencias na aplicación dos protocolos e ausencia de seguimento efectivo das incidencias”. Ademais, alertaron da “precarización progresiva dun sector esencial, con sobrecarga de traballo e escaso recoñecemento”, explican as socialistas.
A voceira socialista reivindicou a “dignificación do sector dos coidados, un ámbito imprescindible para a cohesión social e o benestar da nosa cidade, demasiado tempo invisibilizado e infravalorado”, e insistiu en que “Ourense merece un SAF con condicións laborais xustas e unha atención de calidade, e imos traballar con determinación para que así sexa!”.
As socialistas trasladaron o “apoio e respaldo total ás traballadoras do SAF” e comprometéronse a levar as súas reivindicacións aos órganos correspondentes para esixir solucións inmediatas.
“Non se pode permitir que un servizo fundamental para as persoas maiores e dependentes funcione a costa dos dereitos laborais das súas profesionais”, insisten dende o PSdeG-PSOE.