As socialistas de Ourense denuncian o “apaño cutre” das obras na rúa Progreso de Ourense
Carmen Dacosta acusa á Xunta de vender agora un “apaño cutre” de obras na rúa Progreso de Ourense despois de votar en contra no Parlamento dunha iniciativa socialista para a súa reforma integral.
A deputada ourensá recorda que foi o grupo parlamentario socialista o que solicitou en xullo de 2023 a reforma integral da Rúa Progreso na Comisión de Infraestruturas do Parlamento de Galicia e que o PP votou en contra a pesar de que eles mesmos levaban esta proposta no seu programa electoral.
A voceira municipal, Natalia González, afirma que “é patético ver como os e as representantes do PP veñen a Ourense en agosto a vender un parcheo mínimo de 47.500 euros nunha das arterias principais da cidade, despois de votar en contra e a espaldas de todos os representantes institucionais que non son da súa cor política”.
Lembran que no mes de xaneiro de 2023, o Grupo Municipal Socialista levaba unha moción a pleno para reclamar á Xunta de Galicia e ao Concello de Ourense o impulso da gran transformación da Rúa Progreso co fin de devolverlle a súa dignidade e adaptala ás necesidades actuais de mobilidade.
Ademais, presentando unha iniciativa no Parlamento de Galicia con idéntico fin, xa que segundo Carmen Rodríguez Dacosta “a Xunta de Galicia leva anos mirando para outro lado cando se trata de Ourense e esta histórica rúa de titularidade autonómica é un exemplo flagrante”.
Natalia González defendía a iniciativa plenaria para acadar o compromiso de reforma da rúa Progreso, un vial de 1,3 km de lonxitude no que se atopan algúns dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade: a Praza de Abastos, o Pazo Episcopal, o Xardín do Posío ou As Burgas. A moción foi aprobada coa abstención de PP e Democracia Ourensana.
Na Comisión de Infraestruturas do Parlamento galego era Carmen Rodríguez a encargada da defensa desta proposta, que contou co rexeitamento do Partido Popular no mes de xullo de 2023. E, un ano despois, a Xunta pon en marcha unha obra "de mínimos e fai unha visita protocolaria de cargos públicos esta semana para vender un investimento de 47.500 euros na Rúa Progreso, que só servirá para parchear o pequeno tramo que vai dende Parada Justel ata a Praza de Abastos".
As e os socialistas tanto no Concello de Ourense como no Parlamento de Galicia "seguimos a demandar unha reforma digna e integral da Rúa Progreso e así o volveremos a defender perante a Xunta de Galicia. Ourense non merece parches cutres para vir a sacar a foto o Partido Popular”, conclúe Rodríguez Dacosta.