As socialistas de Ourense reclaman aprobar un plan de compensación aos negocios afectados por obras de humanización

OurenseXa
Segundo os datos achegados pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos, nos últimos tres anos perderonse 200 comercios locais en Ourense
psoe-ourense-upta
12 Mar 2026

As concelleiras do grupo municipal socialista en Ourense, Natalia González e Alba Iglesias, xunto á deputada no Parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta, reuníronse esta mañá co presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad, para analizar as demandas e necesidades actuais do sector na cidade.

Segundo os datos achegados por UPTA, nos últimos tres anos perderonse 200 comercios locais en Ourense e os 7.185 autónomos da cidade precisan medidas concretas que faciliten o seu desenvolvemento.

Durante o encontro, todos os participantes coincidiron na importancia das actuacións de humanización e mellora do espazo público, especialmente en zonas comerciais e de servizos, para modernizar infraestruturas, mellorar a mobilidade e avanzar cara a unha cidade máis accesible e sostible. Con todo, tamén destacaron que, mentres se executan estas obras, o pequeno comercio, a hostalaría e os servizos de proximidade están a sufrir un impacto económico directo debido a cortes de tráfico, limitacións de acceso, ocupación prolongada da vía pública, ruídos e redución do tránsito peonil.

“Moitos establecementos están a sufrir descensos significativos na súa facturación, chegando nalgúns casos a comprometer a súa viabilidade. O pequeno comercio constitúe un elemento esencial do tecido económico e social de Ourense, xerador de emprego, dinamizador dos barrios e garante da vida urbana”, destacou Natalia González.

As socialistas subliñaron tamén que a administración municipal, como a máis próxima á cidadanía, debe implicarse directamente e non delegar toda a responsabilidade nos niveis autonómico ou estatal. “Falta unha implicación e unha planificación por parte do executivo local que podería cambiar esta cidade por completo, tamén no ámbito económico”, engadiu González.

Como resposta, as edís do PSdeG presentarán no vindeiro pleno ordinario unha batería de iniciativas para aprobar un Plan Municipal de Compensación, consistente nun réxime extraordinario de axudas e bonificacións fiscais dirixido a autónomos, microempresas e pequenos negocios afectados polas obras de humanización urbana.

O plan contempla que poidan acollerse os negocios con domicilio fiscal e local de actividade en Ourense, que estean abertos ao público, acrediten unha caída de facturación igual ou superior ao 20 % durante a duración das obras, demostren que a perda está directamente relacionada coas actuacións e estean ao corrente das súas obrigas tributarias municipais.

Así mesmo, a proposta inclúe aplicar unha bonificación mínima do 50 % nas taxas municipais vinculadas á actividade económica, como a recollida de residuos comerciais, ocupación de vía pública, licenzas municipais, vados, carga e descarga e outros tributos relacionados.

“Entendemos que estaría ben, por outra banda, aplicar unha bonificación mínima do 50 % nos seguintes tributos municipais: IBI do local afectado (no caso de titularidade), IAE cando proceda, ICIO se existisen actuacións derivadas das obras e IVTM cando o vehículo estea afecto á actividade”, explicou a portavoz socialista.

0.11185002326965