As socialistas de Ourense reivindican un 8M ligado á conciliación e á igualdade real

As socialistas de Ourense aproveitaron a celebración do 8M para reivindicar o papel das 'mulleres pioneiras' da cidade e reclamar unha urbe 'máis igualitaria e conciliadora'. Nun acto celebrado ao aire libre, a secretaria xeral e voceira municipal, Natalia González, puxo o foco na necesidade de avanzar cara a un modelo de cidade no que a igualdade se traduza en medidas concretas no día a día.
González defendeu unha Ourense na que ningunha muller teña que escoller entre a maternidade e a carreira profesional, na que volver á casa non implique medo e na que o traballo dos coidados conte con recoñecemento e apoio. Tamén apelou a que as máis novas medren coa certeza de que non teñen límites e poden aspirar a calquera meta.
A dirixente socialista incidiu en que a igualdade tamén se constrúe desde o ámbito local. Nese sentido, subliñou a importancia de impulsar políticas públicas, reforzar os servizos públicos, favorecer a conciliación e garantir recursos fronte á violencia machista. Segundo apuntou, este compromiso require medios, vontade política e unha clara prioridade nos orzamentos.
O encontro contou tamén coa participación da secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, e reuniu mulleres da cidade vencelladas a ámbitos diversos como os coidados, o emprendemento, o rural, o estudantado, a cultura, o deporte ou o asociacionismo. As intervencións serviron para compartir reflexións sobre o significado da igualdade na vida cotiá de Ourense.
A xornada incluíu ademais unha acción simbólica participativa, o chamado 'Mural da Igualdade', no que centos de ourensás e ourensáns deixaron por escrito mensaxes, desexos e compromisos para avanzar cara a unha cidade máis xusta e inclusiva. O acto estivo moderado por María Fernández e completouse coa ambientación musical das artistas locais Lorena e María e coa lectura do manifesto do 8M por parte de Marga Martín.
As socialistas pecharon o encontro cunha mensaxe clara fronte aos retrocesos en dereitos. 'Os pasos atrás, nin para coller impulso', sinalaron, nun chamamento a non baixar a garda ante quen cuestiona avances consolidados, minimiza a violencia machista ou reivindica a igualdade mentres reduce as políticas que a fan posible.