As traballadoras do SAF da Bola protagonizan a campaña ‘8M Mes a Mes’ de agosto

A Deputación de Ourense pon en valor o labor das auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar no marco do programa “8M, Mes a Mes” durante o mes de agosto. Esta acción, coordinada desde a Área de Igualdade, quere dar visibilidade a un colectivo que realiza unha tarefa fundamental para as persoas maiores e con discapacidade, destacando que, ademais das funcións asistenciais, as auxiliares actúan como compañía e, nalgúns casos, como o único vínculo coa contorna social dos usuarios.
Nesta edición participan as auxiliares do Concello de A Bola, xestionado polas traballadoras sociais Paula Blanco e Lucía Plaza, cun grupo formado por nove profesionais. O lema deste mes é “As gardiás invisibles do benestar”, que reflicte o valor do seu traballo diario.
O Servizo de Axuda no Fogar ofrece apoio en diferentes ámbitos, como administrar medicamentos, xestionar citas médicas, e axudar en tarefas de hixiene e cociña. Paula Blanco e Lucía Plaza sinalan que estas funcións son especialmente importantes para aquelas persoas que viven soas ou que precisan un apoio extra.
A deputada de Igualdade, Teresa Barge, destacou que “o labor das auxiliares de axuda no fogar é, sen dúbida, un dos piares máis fundamentais e a miúdo subestimados do noso sistema de benestar social. Son profesionais que estenden unha man vital a quen máis o precisa, permitindo que persoas maiores, dependentes ou con diversidades funcionais poidan permanecer nos seus fogares, no seu entorno familiar, coa dignidade e calidade de vida que merecen”.
Dende o área de Igualdade, tamén resaltan que o traballo destas profesionais vai “máis alá de tarefas asistenciais, xa que son confidentes, compañía e, en ocasións, o único vínculo co mundo exterior para moitos usuarios”. Ademais, esta homenaxe chega nun contexto triste pola lembranza do asasinato dunha auxiliar do Porriño, Teresa de Jesús Rodríguez González, que reflicte a difícil situación que pode enfrontar este colectivo.