As vítimas da represión franquista contan dende este domingo cun memoral en Celanova

OurenseXa
O Mosteiro, habilitado como cárcere en 1936, e o cemiterio de San Breixo acolleron este domingo actos en memoria das persoas encarceradas e fusiladas en Celanova
iauguracion-memorial-celanova
Inauguración do memorial polas vítimas da represión en Celanova
24 Mar 2025

Este domingo, 23 de marzo, Celanova acolleu a inauguración dun memorial dedicado ás 90 vítimas da represión franquista soterradas no cemiterio de San Breixo entre 1936 e 1943, cando se clausurou a Prisión Central. O acto reuniu a máis dunha ducia de familias que, grazas ao traballo do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, foron localizadas para participar nesta homenaxe.

A maioría das vítimas eran naturais de Asturias, pero tamén houbo representación de Castela e León, Madrid, Castela-A Mancha, Andalucía, Estremadura e Monforte de Lemos. O recoñecemento busca poñer en valor a memoria das persoas represaliadas e visibilizar a súa historia nun espazo de recordo.

O memorial consiste nunha prancha de ferro que sostén dúas placas de aceiro co nome das vítimas e a inscrición: “En recordo das vítimas da represión fascista entre 1936 e 1943 soterradas neste cemiterio”. Eríxese sobre unha sepultura simbólica que homenaxea a todas as persoas represaliadas na comarca. O deseño, obra do artista celanovés Baldomero Moreiras, inclúe dúas pombas similares á da placa instalada no antigo cárcere de mulleres de Celanova.

Ademais, en paralelo, instalouse un monumento creado por Uqui Permui en forma de banco de pedra e malla, promovido polo equipo de Histagra dentro do Plan Cuadrienal da Memoria Democrática Galicia 2021-2024. Esta peza conectará a exhumación das fosas en diferentes cemiterios e contará cunha inscrición sobre os restos dos sete asturianos atopados no xardín central do camposanto.

O subdelegado do Goberno salienta a obriga das administracións de “reparar a memoria das vítimas da Guerra Civil e a ditadura e liberalas de calquera posible inculpación”

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, asistiu aos actos en memoria das persoas encarceradas e fusiladas do cárcere de Celanova, organizados polo equipo do Plan de Memoria Democrática de Galicia, o Concello de Celanova e a Asociación de Memoria de Celanova.
A sala do antigo refectorio do Mosteiro, habilitado como cárcere en 1936, acolleu o visionado dun documental sobre a exhumación no cemiterio parroquial de San Breixo que tivo lugar no 2022. A continuación, os presentes trasladáronse ao cemiterio de San Breixo para a inauguración de dous monumentos homenaxe aos exhumados e a todos os presos mortos na cárcere-mosteiro, no que tamén participaron familiares dos mesmos.

Durante a súa intervención, o subdelegado do Goberno salientou claramente que “estamos aquí para honrar ás vítimas. E tamén para non esquecer que onde hai vítimas, hai verdugos. É a nosa obriga reparar a súa memoria e liberalas de calquera posible inculpación”.

Santos fixo fincapé nos principios recollidos na lei de Memoria Democrática de 2022, como son a verdade, a xustiza, a reparación e a garantía de non repetición. “Son o obxectivo desta lei e do Goberno de España, pero todas as administracións deben comprometerse. Non é cuestión de relato, é cuestión de ciencia ou negacionismo, e o Goberno de España está sempre coa ciencia”, sinalou.

Neste contexto normativo, o Goberno aposta pola recuperación da memoria creando plans cuatrianuais e transferindo tamén cada ano financiación ás comunidades. Así, Galicia recibiu 400.000 euros dentro do último plan e destináronse outros 200.000 euros con motivo da renovación anual de partidas e para o encargo do Estado ao Grupo Histagra da elaboración do censo de vítimas da Guerra e da ditadura.

Santos aproveitou para felicitar “ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e ao Grupo Histagra, polo seu empeño na recuperación e reparación da nosa memoria e parabéns tamén pola recente responsabilidade de elaborar o censo estatal de vítimas, un traballo que é un recoñecemento polo feito ata o de agora sobre o período máis negro da nosa historia recente”.

No acto estiveron tamén presentes o alcalde de Celanova, Antonio Puga; o reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o catedrático de Historia Contemporánea da USC e coordinador do Plan de Memoria Democrática de Galicia, Lourenzo Fernández; a presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Celia Inés Feijóo; o fiscal xeral do Estado, Álvaro García; o conselleiro de Ordenación de Territorio, Urbanismo, Vivenda e Dereitos Cidadáns do Principado de Asturias, Ovidio Zapico; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; a directora xeral de Relacións Institucionais da Xunta, Sandra Vázquez; e representantes das familias.

⚙ Configurar cookies
0.15676116943359