As Xornadas Clínicas de Primavera Cadillac-Piñor volven a Ourense en abril

OurenseXa
Profesionais da saúde mental de España e Francia reuniranse o 10 de abril para abordar un modelo clínico baseado na singularidade e no traballo interdisciplinar
presentacioon-xornadas-cadillaac-piñor
27 Mar 2026

O Hospital Universitario de Ourense acollerá o vindeiro 10 de abril a terceira edición das Xornadas Clínicas de Primavera Cadillac-Piñor, unha cita dirixida a profesionais da saúde mental que afondará na abordaxe da psicose desde unha perspectiva interdisciplinar e centrada na singularidade de cada paciente.

O encontro celebrarase na Aula Cabaleiro Goás e está impulsado polo Servizo de Psiquiatría do propio hospital, en colaboración con especialistas do Centro Hospitalario Cadillac, en Francia, e da Fundación Nudos, de Zaragoza. Esta cooperación internacional consolídase así como unha liña de traballo estable nos últimos anos.

A psiquiatra Elena López Serrapio, unha das organizadoras, destaca que “a xornada xira ao redor da pluralidade: non hai dous casos iguais, tampouco hai unha única solución, nin un único saber, senón equipos diversos que traballan xuntos desde diferentes disciplinas”. Nesta mesma liña, engade que “o obxectivo é compartir como os encontros clínicos do día a día orientan unha práctica centrada na singularidade e no traballo entre varios”.

O programa estrutúrase arredor da presentación de casos clínicos procedentes do Hospital de Piñor, dos hospitais de día infanto-xuvenís de Cadillac e da Fundación Nudos, ademais dunha conferencia de clausura centrada na práctica institucional en saúde mental. Este formato permitirá analizar situacións reais desde múltiples enfoques profesionais e favorecer o intercambio de coñecemento.

Coincidindo coa celebración das xornadas, profesionais e pacientes vinculados ao proxecto ArtEspida participarán na II Exposición Internacional de Art Brut, que se inaugurará o 16 de abril no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A iniciativa dá continuidade a unha experiencia previa en Zaragoza e busca visibilizar a creación artística de persoas con diversidade psíquica desde unha perspectiva centrada na expresión individual.

O chamado Art Brut, tamén coñecido como arte outsider, reivindica unha creatividade allea ás normas académicas e concíbese como unha ferramenta de expresión e integración social, contribuíndo a reducir o estigma asociado á enfermidade mental.

As xornadas están abertas a profesionais interesados, previa inscrición, e contan coa solicitude de acreditación pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias de Galicia.

0.12862992286682