As Xornadas de Folclore celebran 40 anos levando música e cultura de catro continentes á provincia

As Xornadas de Folclore regresan un ano máis á provincia de Ourense para celebrar a súa 40ª edición, consolidándose como un dos eventos máis agardados do verán cultural na zona. Entre o 11 e o 21 de agosto, seis agrupacións procedentes de Arxentina, Chile, Filipinas, Irlanda do Norte, Ucraína e Xeorxia reuniranse para ofrecer unha mostra rica e diversa de música, baile e tradicións, cun total de 187 artistas que actuarán en múltiples vilas da provincia.
No Pazo Provincial, o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; a directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Ourense, Sandra Quintas; e o director das xornadas, Julio Fernández Senra, deron a coñecer os detalles dun festival que se celebra ininterrompidamente desde 1984.
César Fernández destacou o éxito de público, con arredor de 20.000 espectadores ao longo destes días grazas á itinerancia pola provincia: “Cumprir 40 edicións xa fala da importancia cultural destas xornadas, que permiten coñecer as manifestacións folclóricas de moitos lugares”. Ademais, salientou a “cooperación” como “clave do éxito” desta actividade plenamente consolidada “no verán ourensán en galego”.
Pola súa banda, Sandra Quintas puxo en valor a capacidade destas xornadas para “contribuír á dinamización das vilas e cidades, que durante uns días serán escenario de colorido e relacións multiculturais”.
O director do evento, Julio Fernández, quixo poñer en relevo o esforzo colectivo que hai detrás deste festival, destacando a coordinación do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, os guías e voluntarios que traballan diariamente cos preto de 200 artistas, os responsables dos centros de acollida, e “a implicación da cidadanía nun espectáculo de máximo nivel, con grupos de calidade que representan a catro continentes”.
Dous espectáculos cada noite en distintas vilas
Organizadas pola Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e os concellos anfitrións, as Xornadas ofrecerán cada noite dous espectáculos en dúas vilas diferentes da provincia. En cada lugar, tres agrupacións combinan a súa música, danza e vestimenta tradicional para crear un espectáculo que rolda as dúas horas de duración. O acceso é gratuíto para o público.
A programación arrinca o 11 de agosto co acto inaugural no Teatro Principal e prolongarase ata o 21 de agosto, con actuacións en Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo.
Os grupos participantes son Huayra Muyoj (Arxentina), Ballet Municipal de Rancagua (Chile), Royal Tara Dance Academy (Irlanda do Norte), Folk Dance Ensemble Volynianka (Ucraína) e National Honored Song and Dance Ensemble Georgian Folklore ‘Tsumu’ (Xeorxia).
Durante a súa estancia na provincia, os artistas serán acollidos nas instalacións do Centro Residencial Docente de Ourense e do IES Universidade Laboral.
As Xornadas de Folclore manteñen vivo o espírito da multiculturalidade e da tradición, achegando á veciñanza ourensá un verdadeiro festín de cores, sons e movementos que celebran a diversidade cultural do mundo.