As Xornadas de Folclore celebran a súa 40 edición con exposición dos carteis históricos

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Actualmente, a mostra pode verse na Casa de Cultura de Allariz, e posteriormente trasladarase ao Carballiño, Xinzo e Ribadavia
expo-xornadas-de-folcrore
Exposición de carteis das Xornadas de Folcrore
6 Aug 2025

As Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense alcanzan a súa edición número 40 e conmemórano cunha exposición itinerante que amosa os carteis anunciadores das diferentes edicións. Os carteis, pertncentes a artistas coma Virxilio, Alexandro ou Vidal Souto exhibiranse en varios concellos.

A exposición, que serve como actividade complementaria do festival, deu comezo no Concello de Celanova e atópase agora na Casa de Cultura de Allariz, onde se poderá visitar ata o 18 de agosto. Posteriormente, trasladarase ao Carballiño, Xinzo e Ribadavia, e a previsión é que noutras localidades ourensás poida verse nos meses seguintes. Os carteis pertencen a artistas destacados da provincia, entre eles Virxilio, creador do primeiro cartel en 1984, Vidal Souto, Alexandro ou Juan Valcárcel, e inclúen tamén obras fotográficas de Simón Balvís, Doniz, Álvaro Vaquero ou Jorge Martínez.

Nesta edición participarán 187 artistas de seis grupos folclóricos procedentes de Arxentina, Chile, Filipinas, Irlanda do Norte, Ucraína e Xeorxia, que actuarán do 11 ao 21 de agosto en Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana, Xinzo e na capital ourensá.

O evento, consolidado no panorama cultural galego, está organizado pola Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que acollen as actuacións, e ofrece unha combinación de tradición, baile e música por toda a provincia.

⚙ Configurar cookies
0.16335201263428