As Xornadas de Folcore, lugar de encontro e intercambio cultural pese aos incendios

A provincia de Ourense despídese este ano das Xornadas de Folclore da forma menos desexada. A organización viuse obrigada a cancelar os espectáculos previstos a causa dos incendios, polo que non haberá nin o tradicional desfile e posterior actuación dos grupos participantes en Ourense, nin o acto de clausura en Ribadavia.
Xa desde o pasado venres a organización advertira da cancelación dos espectáculos previstos ata este luns e, días antes, víase obrigada a suspender tamén as funcións en Manzaneda e Verín. Agora, de maneira definitiva, as xornadas quedan oficialmente canceladas.
“É unha mágoa que todo o esforzo non se poida trasladar aos escenarios, pero a provincia está na peor das situacións”, sinala o director. “O que está a ocorrer en Ourense non se vira nunca. É un desastre ecolóxico”, engade, visiblemente afectado por unha situación que está a levar a provincia ao límite.
Detrás dos escenarios traballan máis de 200 persoas para que este evento, único na súa categoría, poida saír adiante. Agora, ese esforzo queda de portas para dentro, xa que —tal e como explica Fernández Serna— os grupos non estiveron parados: gozaron de actividades, ensaios e obradoiros durante estes días.
“Entenderon a situación”, subliña o director. “Eles querían actuar, pero comprenderon o que estaba a suceder e solidarizáronse. Foi algo totalmente imprevisto, pero logramos mantelos activos”.
A organización, co apoio imprescindible da Deputación de Ourense, continúa xa a traballar de cara ao vindeiro ano. “Xa temos algúns grupos confirmados para o ano que vén”, adianta Fernández Serna. Ademais, expresa o seu desexo de que algúns dos participantes desta curta pero intensa edición poidan regresar. De feito, non era a primeira vez que algúns deles pisaban a provincia da man das Xornadas de Folclore, como é o caso de Chile, Irlanda do Norte ou Filipinas.
Pese a todo, o director fai un balance positivo das actuacións que si se puideron celebrar, como as de Allariz, Beade, Maceda ou O Barco, onde un numeroso público gozou das exhibicións de grupos como Huayra Muyoj (Arxentina), o Ballet Municipal de Rancagua (Chile), Royal Tara Dance Academy (Irlanda do Norte), Folk Dance Ensemble Volynianka (Ucraína) ou o National Honored Song and Dance Ensemble Georgian Folklore Tsumu (Xeorxia), xunto con representantes de Filipinas.
A pesar das dificultades, as Xornadas de Folclore volveron ser, un ano máis, un espazo de encontro e intercambio cultural no que artistas de todo o mundo conviviron descubrindo novas culturas e coñecendo tamén a nosa provincia.
Este ano foron poucos os concellos que puideron acoller os espectáculos, pero cómpre lembrar que as Xornadas de Folclore levan máis de 40 anos ofrecendo á xente de Ourense a posibilidade de coñecer, a través da música e da danza, culturas de países moi diversos. “Calquera persoa da provincia, cun mínimo desprazamento, pode ver grazas a estas xornadas uns espectáculos que sería imposible ver aquí, sobre todo nos concellos máis pequenos”, destacan desde a organización.
As xornadas volverán en 2026 “coa mesma forza e ilusión que o primeiro día”. “Temos a obriga de defender a cultura e as linguas. Non podemos deixalas morrer: son unha riqueza cultural e patrimonial inmensa”, insiste Julio Fernández Serna, quen quixo agradecer a enorme implicación dos grupos participantes, do público, dos concellos, dos voluntarios e do persoal que cada ano fai posible este evento, así como á Deputación de Ourense, que leva 43 anos e 40 edicións apoiando un encontro único en Galicia e referente a nivel nacional.