Asociación Cultural Rebulir arranca as conmemoracións do seu 20 aniversario cun acto en Ramirás

OurenseXa
Será este venres no Picouto e durante o acto entregaranse os premios do Certame IdentificARTE 2025
rebulir
25 Sep 2025

A Asociación Cultural Rebulir dará comezo mañá, venres 26 de setembro, ás 20:00 horas, ás actividades que conmemoran o seu 20 aniversario, nun acto que se celebrará no Salón de Actos de O Picouto (Ramirás).

O evento servirá para presentar o programa do novo curso, detallando os horarios, as disciplinas, o profesorado e as novidades que a entidade ofrece nesta etapa especial da súa traxectoria.

Un dos momentos máis destacados será a entrega de premios do Certame IdentificARTE 2025, un concurso orientado a promover a creatividade, a reflexión e a identidade cultural a través das artes plásticas. Nesta edición participaron 47 propostas, tanto na categoría infantil como na absoluta, demostrando o interese da cidadanía pola iniciativa. O xurado concedeu tres premios e un accésit especial na categoría absoluta, así como tres premios na categoría infantil. As obras seleccionadas, salietan dende o xurado, destacaron pola súa orixinalidade, calidade artística e capacidade de transmitir valores culturais galegos.

Durante o mesmo acto presentaranse tamén os Premios Rebulir 2025, que se entregarán en decembro durante o Festival Internacional Rebulir. Estes galardóns recoñecen cada ano o traballo de persoas, colectivos e institucións que destacan pola súa contribución á cultura galega, á promoción da identidade e ao compromiso social. Nesta edición, inclúese como novidade o premio “Rogelio García Yáñez” dedicado á emigración galega, mentres que categorías tradicionais inclúen Música Galega, Artes Escénicas e Homenaxe. Ao longo dos anos, os Premios Rebulir consolidáronse como un referente cultural en Galicia, visibilizando e poñendo en valor a quen traballa pola tradición e a lingua galegas.

Con esta xornada, A.C. Rebulir dá inicio a un ano cheo de propostas culturais, formativas e festivas, convidando á comunidade a participar e celebrando dúas décadas de actividade e compromiso coa cultura galega.

⚙ Configurar cookies
0.099029064178467