Ata o 20 de marzo está aberto o prazo para solicitar as subvencións para actividades culturais e recreativas da Deputación de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense aprobou as bases da convocatoria pública de subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas durante o ano 2026.
Poden optar a estas axudas asociacións culturais, veciñais ou outras entidades sen ánimo de lucro da provincia. As subvencións cubrirán actividades de estudo, difusión ou posta en valor do patrimonio cultural material e inmaterial de Ourense, incluídas as festas tradicionais, o fomento das distintas manifestacións culturais, a edición, publicación ou impresión de libros e obras audiovisuais, así como actividades recreativas públicas e gratuítas para a poboación ou colectivos que precisen atención especial.
Non se subvencionan proxectos cun orzamento inferior a 1.500 euros, actuacións escénicas ou musicais (que contan cunha convocatoria específica a través do Plan Tarazana), excursións ou viaxes culturais, nin actividades organizadas por ANPA.
O crédito total da convocatoria é de 100.000 euros, podendo cubrir ata o 50 % do custo do proxecto, cun máximo de 10.000 euros por entidade, e cada unha poderá presentar ata un máximo de dous proxectos, un por solicitude.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de marzo de 2026, e estas deben presentarse exclusivamente a través da sede electrónica da Deputación. As solicitudes valoraranse en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta o interese social e cultural da actividade (ata 30 puntos) e o nivel de autofinanciamento do proxecto. A xustificación das actividades deberá presentarse antes do 31 de outubro de 2026.