Aumenta a matriculación feminina na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense

OurenseXa
O Grao de Enxeñaría Informática, que se imparte no campus de Ourense, pasou dun 13% de matriculación feminina en 2020/2021 a un 19% de matriculación este curso académico
politecnico_campus_ourense
Edificio politécnico, campus de Ourense
19 Mar 2024

A fenda de xénero nos graos de informática está a experimentar un crecente descenso nos últimos anos. Así o amosan os datos do Barómetro da Fenda de Xénero nos Estudos TIC elaborado pola Cátedra Aldaba-WIB (Women, ICT & Business).

Segundo o estudo, cabe destacar o aumento do número de alumnas no grao de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, que se imparte na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. "Dun 13% de matriculación feminina en 2020/2021 pasouse a un 19% de matriculación este curso académico". A cifra alcanza o 23%  se se inclúen as alumnas matriculadas nos graos de Ciencia e Enxeñaría de Datos e de Intelixencia Artificial.

Estes datos, comentan desde a Cátedra Interuniversitaria Aldaba-WIB, “poden reflectir un cambio positivo na dinámica de xénero no ámbito tecnolóxico e unha maior apertura cara á participación feminina nun campo historicamente dominado polo sector masculino”. Tamén, engaden, reflicten “o éxito dos esforzos combinados polas diferentes institucións e a comunidade educativa para superar barreiras de xénero e crear un ambiente inclusivo que fomente a diversidade no ámbito tecnolóxico”. Neste senso, poñen en valor o traballo desta cátedra desde a súa constitución en 2019, “apoiando e promovendo actividades específicas para captar o interese das novas aspirantes a enxeñeiras informáticas”.

Aínda que son cifras “alentadoras e representan un paso positivo”, subliñan desde a entidade, “hai que tomalas con precaución, e haberá que agardar aos próximos cursos para confirmar que esta tendencia ascendente na matriculación de mulleres mantense no futuro”. Aínda existen, indican, “grandes desafíos a superar para lograr unha representación equitativa de xénero na enxeñaría informática” e neste senso recalcan que a Cátedra Aldaba-WIB “continúa comprometida en abordar estes desafíos para lograr un futuro máis inclusivo e diverso neste ámbito”.

0.18857407569885