Avanzan as obras de mellora no Centro de Saúde e Protección Civil de Baños de Molgas

OurenseXa
As actuacións contan cunha inversión de máis de 115.000 euros e teñen como obxectivo a mellora da envolvente térmica, a substitución das carpinterías, a instalación máis eficiente no interior do edificio e a mellora do sistema de climatización e calefacción
manuel-pardo-visita-baños-de-molgas
12 Aug 2025

As obras de mellora no edificio que acolle o Centro de Saúde e a sede de Protección Civil de Baños de Molgas avanzan co obxectivo de optimizar a súa eficiencia enerxética e o confort de usuarios e persoal. A intervención, financiada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con máis de 115.000 euros repartidos entre 2024 e 2025 e cofinanciados con fondos Feder, inclúe a mellora da envolvente térmica, a substitución de carpinterías, a instalación de sistemas interiores máis eficientes e a renovación do sistema de climatización e calefacción.

Os traballos forman parte das axudas da Xunta para infraestruturas municipais, que na provincia de Ourense suman preto de 1,5 millóns de euros e benefician a 15 concellos. O delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, visitou este luns o municipio, acompañado polo alcalde, Manuel Ángel Fernández, para supervisar a evolución das actuacións.

Pardo explicou que estas axudas, dirixidas a concellos de menos de 30.000 habitantes, poden cubrir ata o 80% do custo de obras de illamento, iluminación eficiente e climatización, cun límite de 120.000 euros por proxecto. En Ourense foron beneficiarios Allariz, Amoeiro, Baños de Molgas, Boborás, O Bolo, Carballeda de Avia, Coles, Melón, Muíños, Nogueira de Ramuín, A Peroxa, Petín, Sandiás, A Veiga e Vilar de Barrio.

Segundo o delegado, a iniciativa busca reducir emisións, aforrar enerxía e mellorar o confort, aliñándose coa Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 e o Programa Feder Galicia 2021-2027. Tamén persegue impulsar a economía local, servir de exemplo desde a Administración e contribuír a fixar poboación no rural mediante a mellora de servizos públicos esenciais.

⚙ Configurar cookies
0.16816687583923