Avanzan as obras de reforma do Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar nas que o Goberno central inviste máis de seis millóns de euros

OurenseXa
Os traballos incorporan criterios de eficiencia enerxética co obxectivo de facer do centro un edificio máis sostible e con menor impacto ambiental
centro-penitenciario-pereiro
9 Dec 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou este martes o Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar para supervisar o estado das obras de reforma nas que o Executivo inviste máis de seis millóns de euros.

Santos subliñou que estas actuacións exemplifican “o compromiso do Goberno cun sistema penitenciario seguro e moderno”. Nas súas declaracións, o subdelegado explicou que “estes traballos suporán maiores medidas de seguridade, ao tempo que se melloran as condicións de vida e traballo no centro, con espazos máis dignos e funcionais, adaptados ás necesidades futuras”.

Actualmente, executanse dous proxectos: unha reforma xeral adxudicada á empresa Extraco por máis de 2,6 millóns de euros e outra intervención para mellorar a eficiencia enerxética, financiada con fondos Next Generation e xestionada por Segipsa, cuxo contrato supera os 3,6 millóns.

Respecto ao avance das obras, Eladio Santos detallou que “os traballos máis relevantes consistiron na substitución do valado e na instalación de paneis fotovoltaicos, así como o recubrimento de SATE e a colocación das ventás do módulo 3”.

Ademais, indicou que “estas obras incorporan criterios de eficiencia enerxética, que farán do centro un edificio máis sostible e cun menor impacto ambiental”.

A visita contou coa presenza do director do penal, Francisco González, e nela constatouse que a intervención permitirá dotar ao centro de maior seguridade e mellores condicións tanto para os traballadores como para os internos.

⚙ Configurar cookies
0.079923152923584