Avanzan as obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que estará rematado en 2026

OurenseXa
O CECIGA érguese sobre unha parcela de 3.000 metros cadrados e aspira a converterse nun punto de encontro e apoio para calquera iniciativa de ciberseguridade que teña lugar en Galicia
obras-ceciga
7 Nov 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitou as obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) en Ourense, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesia. O novo espazo, que estará rematado en 2026, conta cun investimento superior aos 6 millóns de euros.

O CECIGA constrúese sobre unha parcela de 3.000 metros cadrados, dos cales o edificio ocupará uns 2.000 metros, e estará dotado con espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e sensibilización, zonas de uso externo, locais para emprendemento e alugueiro a empresas privadas, así como aulas para impartir formación especializada.

Miguel Corgos explicou que o centro aspira a converterse nun “punto de encontro e de apoio para calquera iniciativa de ciberseguridade que teña lugar na Comunidade galega”. Segundo indicou, o obxectivo é “traballar en colaboración” coas deputacións provinciais, as entidades locais, as universidades galegas, os centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector.

Con este proxecto, xunto con outras iniciativas como CIBER.gal, a Xunta busca converter Galicia en líder tamén no ámbito da ciberseguridade e manterse como referente no ámbito da intelixencia artificial.

⚙ Configurar cookies
0.071364879608154