Avanzan as obras na futura residencia de Vilamarín

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou este sábado as obras da futura residencia de Vilamarín, unha visita na que estivo acompañada polo alcalde do municipio, Amador Vázquez, e onde destacou o “importante pulo” que supón este novo centro para a rede local de atención ás persoas maiores.
O proxecto está impulsado pola Xunta e a Deputación de Ourense, cun investimento conxunto de 800.000 euros, dos cales 600.00 proveñen do Goberno galego para financiar a construción do centro, mentres que os 200.000 restantes serán aportados pola institución provincial para o equipamento do inmoble. O novo servizo contará con 30 prazas públicas, que estarán baixo titularidade e xestión do Concello.
O centro de día forma parte do Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de centros municipais, dotado con 18,5 millóns de euros de fondos europeos. O programa inclúe residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais, e prevé crear 682 novas prazas públicas de atención diúrna e residencial en toda Galicia. Na provincia de Ourense, están a destinarse 12 millóns de euros, o que representa o 65 % do total do plan.