Avanzan os traballos de limpeza de biomasa en máis de 25 hectáreas en San Cibrao das Viñas

Os traballos de prevención fronte aos incendios forestais avanzan no concello de San Cibrao das Viñas ao abeiro do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Xunta e Seaga. No marco desta actuación está prevista a limpeza de máis de 25 hectáreas repartidas en 225 parcelas situadas en diferentes parroquias do municipio.
Unha das intervencións que xa se está a executar localízase no lugar de Outeiro Calvo, na parroquia de Soutopenedo, onde se prevé actuar sobre 4,6 hectáreas distribuídas en 91 parcelas. Ademais desta zona, tamén se desenvolverán traballos nas parroquias de Noalla, Rante e San Cibrao das Viñas.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, comprobou hoxe o avance destas tarefas durante unha visita ao municipio, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e pola alcaldesa da localidade, Marta Nóvoa. Durante a súa intervención, Gómez subliñou que as labores de prevención fronte aos lumes constitúen unha “prioridade” para o Goberno galego, salientando que o orzamento destinado a estas actuacións incrementouse este ano nun 50%, ata superar os 75 millóns de euros.
Parte desta contía, un total de 25 millóns de euros anuais, destínase ao convenio de xestión da biomasa asinado con Seaga, que duplica o financiamento do acordo anterior e co que a Xunta pretende reforzar o apoio tanto aos concellos como aos propietarios. A titular de Medio Rural lembrou tamén que o mantemento das faixas secundarias corresponde en primeiro lugar aos propietarios das parcelas e, no caso de que non cumpran con esta obriga, son os concellos os que deben asumir a limpeza de maneira subsidiaria.
Neste marco, o convenio permite colaborar cos concellos mediante a execución subsidiaria de traballos en ata 10 hectáreas por municipio e ano fóra das parroquias priorizadas, ademais da limpeza de ata 12 quilómetros de vías municipais. Ao mesmo tempo, os propietarios situados en parroquias priorizadas poden contratar directamente con Seaga a realización destas tarefas.
Por último, a conselleira animou aos concellos que aínda non se adheriron ao acordo a facelo, lembrando que xa son 271 os municipios galegos que solicitaron sumarse a este convenio, entre eles o de San Cibrao das Viñas.