Avanzan os trámites para a construción do novo de edificio de Aeronáutica de Ourense

OurenseXa
A licitación atópase en fase de avaliación tras a recepción de cinco propostas
Campus_de_Ourense_recurso
30 Apr 2025

A futura sede da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo no campus de Ourense dá un novo paso adiante. Así o comunicou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, durante unha reunión ordinaria do Consello de Campus celebrada no Edificio de Ferro, onde informou dos progresos no proceso de licitación da obra, actualmente en fase de avaliación tras a recepción de cinco propostas empresariais.

As empresas que optan á execución da construción, cun contrato que ascende a algo máis de 10 millóns de euros con impostos, son Citanias Obras y Servicios SLU; Obras y Servicios Gómez Crespo SL; Obrascon Huarte Lain SA; Oreco Balgón SA e Vilor Infraestruturas SL. O valor do contrato sen IVE sitúase en 9.130.000,01 euros, financiados pola propia universidade e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

Segundo declarou Reigosa, “vai moi ben, a bo ritmo” e, de feito, a institución confía en poder xustificar ao longo de 2025 uns 3,5 millóns de euros, “en parte con acopios pero en parte xa con actuacións no campus”. A licitación fora publicada o 13 de marzo e o prazo de presentación de ofertas pechouse o 11 de abril.

O edificio levantarase na zona sur do campus ourensán, moi preto da Escola Infantil Concepción Saiz Otero. Trátase dun proxecto que parte da proposta gañadora do concurso de ideas convocado pola UVigo, asinada polos arquitectos Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, do estudo García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura. O deseño, bautizado como O Camaleón, propón un espazo de 6.364,88 metros cadrados con instalacións pensadas tanto para a docencia como para a investigación.

En concreto, o novo edificio contará con dez laboratorios docentes, oito de investigación, unha nave taller e unha zona de reserva para necesidades futuras. Tamén se incluirán seis seminarios, 35 despachos, catro aulas para 50 estudantes, dúas para 70 e outras dúas para 100 persoas, ademais dunha área destinada á dirección do centro. Esta infraestrutura permitirá reorganizar espazos do campus actualmente ocupados pola titulación de Aeroespacial.

Unha Facultade de Enfermería para cada campus

Durante a mesma sesión do Consello de Campus, o reitor fixo tamén referencia á situación económica da universidade, que cualificou de positiva, e ao orzamento de 2025, que permitirá manter esa liña de estabilidade. Outro dos temas destacados foi o avance na creación dunha facultade única de Enfermaría para cada unha das tres universidades galegas.

“É inminente a sinatura do convenio do que falamos moitas veces e moitas veces adiado polo cal as tres universidades galegas van a ter cada unha delas unha facultade única de Enfermaría”, sinalou Reigosa. No caso da Universidade de Vigo, esta nova facultade terá presenza nos tres campus: Ourense, Pontevedra e Vigo. “Isto era un acordo entre as dúas consellerías e as tres universidades que finalmente vaise facer realidade”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16007900238037