Baixan á metade os tempos de espera para consultas na Área Sanitaria de Ourense

A atención sanitaria na provincia de Ourense experimentou unha mellora notable durante o primeiro semestre deste ano. Segundo os datos correspondentes a xuño de 2025, a espera media para acceder a unha consulta externa reduciuse nun 48,8 %, pasando de 129 a 66 días, mentres que o tempo medio para unha intervención cirúrxica descendeu un 24,8 %, con máis de 20 días menos de demora.
A Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras atribúe estes resultados a un esforzo conxunto de planificación e xestión que permitiu axilizar a atención programada nos tres hospitais públicos da provincia, especialmente no Hospital Universitario de Ourense.
As reducións notáronse en practicamente todas as especialidades. No Hospital Universitario, as consultas pasaron de 141,8 días de media a 64,5, o que supón unha mellora do 54,5 %. En Rehabilitación, o tempo medio de espera acurtouse nun 39 %, mentres que en Neuroloxía e Traumatoloxía a redución superou o 30 %.
En canto ás intervencións programadas, a espera media en cirurxía baixou un 24,8 %, destacando os avances en Neurocirurxía, onde o acceso se reduciu un 61,8 %, Uroloxía (-48,4 %) e Cirurxía Xeral (-27,2 %). Traumatoloxía tamén mellorou os seus tempos, cunha redución de máis de 18 días.
Os datos reflicten tamén unha diminución importante nos prazos para realizar probas diagnósticas. As endoscopias dixestivas reduciron os tempos nun 44,5 %, e as probas radiolóxicas como TAC ou resonancias pasaron de esperas superiores a 70 días a menos de 30.
O xerente da área sanitaria, Santiago Camba Bouzas, destacou que estes resultados son froito “do compromiso dos profesionais sanitarios e da aposta por unha xestión máis eficiente que mellore a accesibilidade dos pacientes”. Ademais, a reorganización das axendas, a ampliación de horarios e a cobertura de vacantes médicas foron claves para lograr esta mellora, subliñou.
Camba subliñou, non obstante, que “aínda queda camiño por percorrer”, especialmente en especialidades con alta demanda, como algunhas probas de imaxe ou determinadas consultas médicas. O obxectivo agora, sinala, é consolidar os avances acadados e continuar reducindo os tempos de espera sen perder calidade asistencial nin equidade entre os distintos distritos sanitarios.