Baños de Molgas crea axudas para material escolar para apoiar ás familias do CEIP local

OurenseXa
Trátase dun apoio directo que busca tamén atraer novas matrículas ao colexio e garantir a súa continuidade
banhos-molgas-axudas
24 Jul 2025

O Concello de Baños de Molgas vén de aprobar, por primeira vez, unhas axudas económicas destinadas á compra de material escolar para o alumnado do CEIP de Baños de Molgas. A medida foi anunciada tras a Xunta de Goberno e supón un novo paso na aposta do executivo local polo apoio ás familias e o impulso ao centro educativo do municipio.

Trátase dun apoio directo que, segundo explican dende o Concello, busca tamén atraer novas matrículas ao colexio e garantir a súa continuidade. “É unha medida que busca incentivar a chegada de novos nenos ao colexio, fortalecendo o futuro do noso centro escolar”, sinalan.

O goberno municipal defende que esta iniciativa non é só un xesto de apoio ás familias, senón unha acción estratéxica para consolidar un proxecto educativo con futuro no propio territorio. “Apostamos polo noso colexio con feitos e medidas reais”, destacan, ao tempo que expresan a súa vontade de que Baños de Molgas siga sendo un lugar con vida, con nenos e nenas “medrando no seu propio entorno, con oportunidades e igualdade para todos”.

Con esta liña de axudas, o Concello reafirma a súa intención de garantir a igualdade de acceso aos recursos educativos e de contribuír á dinamización social e demográfica do municipio. “Porque apoiar o colexio é apoiar o futuro do noso municipio”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.16137409210205