Barbadás acende as luces de Nadal este venres

O Concello de Barbadás organizou unha programación especial para celebrar o Nadal con unhas vinte actividades abertas a toda a veciñanza. A axenda inclúe teatro, concertos, obradoiros, festivais e torneos, ofrecendo diversas opcións de lecer durante estas datas. “Será un Nadal cheo de cor, alegría, música, deporte, cultura e actividades sociais”, destacou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, durante a presentación.
A inauguración comezará este venres pola tarde co acendido da árbore e da iluminación de Nadal na rúa Viso, número 1. Ás 18:00 horas haberá animación musical, seguida ás 19:00 horas da tradicional conta atrás para prender as luces. Para pechar, ofrecerase unha chocolatada popular para todas as persoas asistentes.
Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos, sinalou o esforzo por iluminar todo o municipio: “Este Nadal está centrado na dispersión xeográfica, imos levar o alumeado ata o último recuncho do municipio”. Ademais, as luces instaladas son LED, o que favorecerá un importante aforro enerxético.
A programación cultural, detallada pola concelleira Ana Peleteiro, inclúe espectáculos de maxia como “Zasca”, do Mago José Rivera, concertos da Banda Musical Infantil da Escola de Música Municipal e o Festival de Paños Calientes, ademais de teatro con obras como “Os contos do Lobicán” de Rédrum Teatro. “Queremos que as veciñas e veciños desfruten destas datas, que interactúen e que socialicen entre elas”, apuntou Peleteiro. Papá Noel e os Reis Magos percorrerán o municipio para saudar á poboación, con dispositivos especiais organizados pola Concellería de Emerxencias.
As actividades deportivas tamén terán protagonismo, co torneo benéfico prebenxamín Memorial Javier Carid “Avó”, que busca recoller alimentos para o Banco de Alimentos, segundo convidou a concelleira de Deportes, Noemí Pintos.
Entre as propostas saudables destaca o Obradoiro de Doces de Nadal para persoas celíacas, aberto tamén ás súas familias, como explicou Elisabet González, concelleira de Servizos Sociais e Saúde. Ademais, a Consellería de Servizos Sociais está recollendo xoguetes para familias vulnerables, que o Banco Solidario repartirá nas próximas semanas.
Por último, a concelleira de Comercio, Marga Pérez, lembrou que segue aberto o prazo para inscribirse nos concursos de decoración de Nadal de escaparates e balcóns. “É unha maneira de que a veciñanza participe e colabore en facer entre todos máis bonito o noso municipio para estas datas tan máxicas”, afirmou. A inscrición remata este venres ás 14:00 horas e as votacións populares e telemáticas celebraranse do 10 ao 17 de decembro.