Barbadás acolleu a entrega dos premios da campaña “Merca no teu comercio”

OurenseXa
En total, repartíronse 20 tarxetas prepago de 50 euros entre as persoas participantes
premios-campaña-merca-no-teu-comercio-barbadas
6 Nov 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou este mércores en Barbadás no acto de entrega dos premios da décima campaña quincenal da iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio.

Durante o evento, no que tamén estiveron presentes a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, e o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, repartíronse 20 tarxetas prepago de 50 euros entre as persoas participantes, que poderán empregalas nos establecementos locais adheridos ata o 31 de decembro.

Alén destacou que esta iniciativa “funciona como un motor económico e social nas vilas rurais”, contribuíndo a dinamizar o pequeno comercio e apoiar ás economías locais, especialmente en municipios cun menor grao de asociacionismo.

O responsable autonómico explicou que o programa se enmarca no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que ten como obxectivo fortalecer un sector “moderno, competitivo e capaz de adaptarse ás novas tendencias de consumo”.

Ademais, animou á cidadanía a participar na nova edición dos bonos Activa Comercio, que se abre hoxe cun orzamento de 2,5 millóns de euros e ofrece descontos de ata 30 euros para canxear nos establecementos adheridos de toda Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.076732158660889