Barbadás aposta polo aforro enerxético coa renovación do alumeado público

O Concello de Barbadás reducirá ata nun 83 % o consumo de enerxía grazas á renovación de 581 luminarias obsoletas, que serán substituídas por tecnoloxía LED nos núcleos de Bentraces e Barbadás. O proxecto foi aprobado recentemente polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e supón a terceira actuación deste tipo promovida polo municipio para modernizar a súa rede de iluminación pública.
A tenente de alcalde e concelleira de Servizos Públicos, Victoria Morenza, destacou a importancia desta intervención: “Trátase dunha modernización moi necesaria, xa que algunhas das lámpadas actuais están completamente desfasadas, ata o punto de que xa nin se fabrican”.
Esta actuación súmase a outras medidas recentes do Concello para mellorar a iluminación urbana. A semana pasada instaláronse 16 novos puntos de luz en diversas vías municipais, como na curva da igrexa de Piñor e na rúa Fulón, en Sobrado. Con estas melloras preténdese reforzar tanto a seguridade viaria como a accesibilidade da veciñanza.
Estas intervencións enmárcanse no Plan de Obras Municipal de 2025, que conta cun orzamento global de 1,1 millóns de euros e que prioriza actuacións sostibles, seguras e adaptadas ás necesidades actuais da poboación.